- Os técnicos toman esta decisión ante o descenso continuo e notable dos caudais circulantes nas tres zonas, que levan máis de dous meses con indicadores baixos
- A maiores, actívase a fase de prealerta por escaseza moderada noutras catro unidades territoriais da conca: río Tambre e ría de Muros, río Grande, río Mendo e ría de Betanzos e río Landro e río Ouro
- En total xa son 91 os concellos afectados por restricións ou medidas de seguimento nun escenario marcado pola escaseza de chuvias e as altas temperaturas
- O resto da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa continúa en situación de normalidade, cunha ocupación dos encoros de abastecemento a comezos de agosto do 72,74%, un 14,44% menos que a rexistrada o ano pasado polas mesmas datas
A Xunta decidiu activar a situación de alerta por escaseza de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo, dúas bacías que estaban xa en prealerta desde facía un mes. Así mesmo, acordou aplicar medidas equivalentes a un escenario de alerta, sen chegar a declarala, no subsistema de Baiona, pertencente á unidade territorial río Verdugo e que tamén estaba ata agora en situación de seguimento.
A maiores, entran en prealerta por escaseza moderada de auga outras catro unidades territoriais da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, concretamente, as UTE do río Tambre e ría de Muros; do río Grande, en Camariñas; do río Mendo e ría de Betanzos, e do río Landro e río Ouro.
Así o acordou esta mañá a Oficina Técnica da Seca, que estivo presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e á que asistiron tamén outros cargos directivos do organismo hidráulico, así como representantes de Protección Civil, de MeteoGalicia e das Consellerías de Sanidade e do Medio Rural.
Durante a reunión, os técnicos tiveron en conta tanto datos meteorolóxicos —os correspondentes ao mes de xullo e as previsións para as vindeiras semanas—, como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, segundo o protocolo establecido no Plan especial de seca de Galicia-Costa.
Neste sentido, para a declaración da alerta pesou, sobre todo, o descenso importante e continuado que experimentaron xa desde a primavera os caudais circulantes e o volume de auga encorada nestas tres bacías, que, de feito, acumulan máis de dous meses con indicadores de caudal baixos e sen que se detecte un cambio de tendencia.
Así mesmo, no caso das catro unidades territoriais que pasan desde hoxe de normalidade a prealerta, valoráronse os baixos valores dos indicadores de escaseza durante un período de tempo continuado e, no caso concreto do río Grande, o acusado e recente descenso das achegas hídricas, cunha redución do caudal superior ao 50% no mes de xullo.
En total, xa son 91 —32 en alerta e 59 en prealerta— os concellos afectados por restricións ou medidas de seguimento de encoros e ríos nun escenario marcado pola escaseza de chuvias e as altas temperaturas. No resto de unidades territoriais de escaseza de Galicia-Costa mantense a situación de normalidade e segundo os datos de ocupación de comezos de agosto, os encoros de abastecemento se sitúan nun 72,74%, un 14,44% por debaixo do nivel que tiñan por estas mesmas datas o ano pasado.
Implicacións nos concellos afectados
O nivel de alerta é o segundo máis alto dos establecidos no Plan de seca da demarcación Galicia-Costa para a xestión de situacións de escaseza conxuntural, sendo o último e máis elevado o de emerxencia. A efectos prácticos, esta declaración supón comezar a adoptar medidas para conservar os recursos hidráulicos existentes. Por exemplo, a prohibición de usos prescindibles como o baldeo de rúas, o enchido de piscinas ou a rega de xardíns. Así mesmo, en caso de ser preciso, aplicaríanse cortes de auga puntuais.
En concreto, os 32 concellos afectados pola alerta son Beariz, Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda e Vilaboa, da UTE río Lérez; Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas, do río Anllóns; e Baiona.
A situación de prealerta implica un seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos e encoros nos sistemas afectados de Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais, prevense medidas de concienciación dirixidas á cidadanía para facer un uso responsable da auga e recomenda aos concellos minimizar os gastos públicos non esenciais. De feito, neste escenario os municipios teñen a obriga de comunicar a Augas de Galicia os seus datos diarios de caudais de consumo.
Neste caso, os concellos afectados e non incluídos xa nas zonas de alerta son: Abegondo, Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Carral, Curtis, Frades, Lousame, Mazaricos, Melide, Mesía, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Outes, Oza-Cesuras, O Pino, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sobrado, Toques, Trazo, Val do Dubra e Vilasantar, da UTE río Tambre e ría de Muros; Camariñas, Laxe, Muxía e Vimianzo, da UTE río Grande; Aranga, Bergondo, Betanzos, Coirós, Irixoa, Miño, Monfero, Oleiros, Paderne, Sada, Vilarmaior, Friol e Guitiriz, do río Mendo e ría de Betanzos; e Alfoz, Foz, Muras, Ourol, O Valadouro e Viveiro, da cunca río Landro e río Ouro.
Cómpre lembrar que mediante o seguimento periódico da situación que fai a través da Oficina Técnica da Seca, o Goberno galego traballa para adiantarse e adoptar medidas ante un posible episodio a futuro de escaseza de auga, así como para garantir a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable dos recursos hídricos.

