O PP acusa a Lores de esixir aforro aos veciños mentres o Concello mantén fontes e rega en plena alerta por seca

Redacción

• Bea Rey reclama ao Gobierno municipal “coherencia e responsabilidade”: “Non se pode pedir un esforzo aos veciños mentres o propio Concello segue gastando auga coma se non pasase nada”

• A concelleira popular lembra que Pontevedra leva máis dun mes en prealerta e esixe que as medidas de aforro municipais aplíquense de inmediato: “Como non foron capaces de prepararse en todo este tempo?”

A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Bea Rey denunciou que o Goberno municipal de Miguel Anxo Fernández Lores está a pedir aos veciños que reduzan o seu consumo de auga mentres o propio Concello mantén en funcionamento fontes ornamentais e sistemas de rega de espazos públicos, mesmo despois de que a situación do río Lérez pasase de prealerta a alerta por escaseza.

Rey reclamou ao Gobierno municipal “coherencia e responsabilidade” e defendeu que as primeiras medidas de aforro deben comezar pola propia Administración.

“Non se pode pedir aos veciños que fagan un esforzo para aforrar auga mentres seguimos vendo fontes funcionando, parques e xardíns regados e sistemas automáticos de rega activos. Se estamos nunha situación de alerta por escaseza, o Concello ten que ser o primeiro en dar exemplo”, afirmou.

A Xunta elevou onte a alerta por escaseza a situación do sistema do Lérez despois de que o seu caudal descendese ata os 0,611 metros cúbicos por segundo, moi por baixo do limiar ecolóxico de verán. Entre as medidas adoptadas atópase a redución dos consumos municipais e a limitación de usos non prioritarios como a rega de xardíns, o baldeo de rúas e as fontes ornamentais.

A concelleira popular lembrou, ademais, que Pontevedra leva en situación de prealerta desde o pasado 10 de xullo, cando o propio Concello anunciou que aplicaría medidas internas de contención, entre elas a moderación do baldeo, a redución da rega de xardíns e a limitación das fontes ornamentais.

“Levamos máis dun mes sabendo que esta situación podía agravarse. Como é posible que o Concello non fose capaz de aplicar de forma efectiva estas medidas en todo este tempo?”, preguntou Rey.

A edil popular sinalou que durante estes días de temperaturas elevadas a evaporación de auga é especialmente importante, polo que considera insuficiente xustificar o funcionamento das fontes argumentando que algunhas funcionan mediante sistemas de recirculación.

“Que unha fonte teña un circuíto pechado non significa que non consuma nin perda auga. Coas temperaturas que estamos a ter existe evaporación, alén doutras perdas, e precisamente por iso hai que priorizar a auga para os usos esenciais”, explicou.

Rey insistiu en que a cuestión non é demonizar o funcionamento dunha fonte concreta, senón esixir que o Concello aplique con coherencia as mesmas recomendacións que está a trasladar aos cidadáns.

“Está a pedirse ás familias que non enchan piscinas, que non reguen xardíns, que non laven os coches e que reduzan o seu consumo. Os veciños están a cumprir. O mínimo que poden esperar é que o seu Concello faga exactamente o mesmo e dea exemplo”, sinalou.

“Non estamos a pedir nada extraordinario. Estamos a pedir que o Concello cumpra as súas propias recomendacións e as medidas que corresponden a unha situación de alerta por escaseza”, defendeu Rey. A concelleira do PP concluíu reclamando a Lores que “se poña á obra” e deixe de trasladar toda a responsabilidade aos cidadáns.

Comparte este artigo