O sistema educativo galego contará con 536 centros plurilingües o próximo curso 2026/27

Redacción
  • Seis deles incorpóranse por primeira vez ao programa e outros dous amplían etapa, o que confirma o incremento progresivo deste modelo desde a súa posta en marcha  
  • 40 centros impartirán ciclos ou másteres de FP plurilingües e outros dous ensinanzas artísticas

O sistema educativo galego contará con 536 centros plurilingües o próximo curso 2026/27 nas etapas de Infantil, Primaria, ESO ou Bacharelato e FP. Seis centros decidiron incorporarse a esta iniciativa e outros dous ampliar a súa participación na mesma a outras etapas, o que confirma o incremento progresivo deste modelo, voluntario para os centros, desde a súa posta en marcha.

Novas incorporacións

Do total dos centros con modelo plurilingüe, 445 serano en Primaria e 93 en ESO (se ben parte deles sono en ambas etapas á vez), 259 en Infantil, 16 centros en Bacharelato e 40 en FP. Os oito centros que se incorporan ou amplían etapa para o curso 2026/27 son os reflectidos na seguinte táboa:

ProvinciaConcelloCentroEtapaIncorporación ou ampliación
A CoruñaArteixoColexio de GalánPrimariaIncorporación
LugoPastoriza, AColexio O SalvadorPrimariaIncorporación
PontevedraCoveloColexio Antonio Blanco RodríguezPrimariaIncorporación
PontevedraMarínColexio de ArdánInfantilIncorporación
PontevedraVigoColexio BalaídosPrimariaIncorporación
PontevedraVigoInstituto ValadaresESOIncorporación
LugoAntas de UllaColexio Plurilingüe de Antas de UllaInfantilAmplía á etapa de Primaria
OurenseOurenseColexio Plurilingüe As MercedesInfantilAmplía á etapa de Primaria

Ademais dos centros plurilingües, a Consellería oferta diversas modalidades. Así, outros centros optan por contar con seccións bilingües, na que un grupo de alumnos cursa unha área, materia ou módulo de maneira bilingüe. Trátase dunha iniciativa en marcha desde hai máis de 15 anos, que no seu momento foi pioneira en España. Para o próximo curso hai autorizadas case 4.500 seccións bilingües no conxunto da nosa Comunidade.

197 ciclos e másteres na FP

Un total de 197 ciclos e másteres de Formación Profesional de 40 centros desenvolverán parte do seu currículo nunha lingua estranxeira no vindeiro curso 2026/27. En concreto, son 93 grupos de ciclos plurilingües e 5 másteres, que se iniciarán no próximo curso, e que se engaden aos 99 que comezaron o ano pasado e que continuarán o próximo en 2º curso.

Desenvolverán unha parte do seu currículo en inglés, francés ou portugués. En 187 deles a formación realizarase a través de módulos en inglés, algúns deles combinados con outros idiomas como francés e en 15 a formación será en portugués.

Deste xeito, este ano haberá en Galicia un total de 40 centros autorizados con esta oferta a razón de 16 na provincia da Coruña, 6 en Lugo, 4 en Ourense, e 14 en Pontevedra. Aos centros do curso pasado para impartir ciclos plurilingües incorpóranse o IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña), o IES de Curtis (Curtis), o CPR Karbo (A Coruña) e EFAG Piñeiral (Arzúa), IES Perdouro (Burela), IES Laxeiro (Lalín). Estas ensinanzas correspóndense con 68 titulacións diferentes de FP que impartirán parte do seu currículo nunha lingua estranxeira no curso 2026/27.

O plurilingüismo na FP contribúe, ademais de á mellora das competencias lingüísticas do alumnado, a reforzar a súa inserción laboral. Neste sentido, o desenvolvemento de habilidades de comunicación oral e escrita en linguas estranxeiras facilita o desempeño laboral dos titulados no espazo europeo, na liña de internacionalización da FP que está a impulsar a Consellería de Educación.

Ensinanzas artísticas

No que atinxe ás ensinanzas artísticas, as escolas de Arte e superiores de Deseño Pablo Picasso (A Coruña) e a Ramón Falcón (Lugo) volverán impartir dous ciclos plurilingües o vindeiro curso. En concreto, serán en lingua inglesa o ciclo formativo de grao superior en Ilustración na Coruña e o ciclo de grao superior en Fotografía na escola lucense. A maiores, o vindeiro curso funcionarán 17 seccións bilingües nunha decena de centros que imparten estas ensinanzas coa finalidade de promover a práctica de idiomas.

Auxiliares de conversa

Por outra parte, cómpre subliñar que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP está ultimando o deseño dun modelo alternativo de dotación de auxiliares de conversa que substitúa a vía vixente ata o de agora a través do Ministerio de Educación, logo de que a Xunta se vira obrigada a abandonalo debido á falta de seguridade xurídica do mesmo, que comporta multas millonarias para as comunidades autónomas.

Cómpre lembrar que os auxiliares de conversa que chegaban ata o de agora a Galicia pola vía de acordos de cooperación a través do Goberno central, facíano coas condicións establecidas polo Ministerio de Educación, que é quen marcaba os requisitos, seleccionaba os auxiliares e asignaba as prazas. Pola súa banda, o Goberno galego sempre cumpriu coas condicións fixadas desde o Ministerio e, ademais, facíase cargo da maior parte do custo do mesmo, asumindo o 90% do seu financiamento (4,8 M€ dos 5,2 M€ totais).

Ante este contexto, e logo de que o Goberno central rexeitara o ofrecemento de Galicia de transferirlle fondos autonómicos para que fora o Ministerio o que xestionara directamente este auxiliares, a Xunta reafirma o seu compromiso coa aprendizaxe de linguas e, para tal fin, está ultimando novas vías de reforzo neste eido.

Comparte este artigo