– O Concello de Redondela celebra este sábado 22 a súa tradicional Gala Drag dentro do 27º Entroido de Verán, unha gran festa do respecto e a liberdade que reparte 2.000 euros en premios. Organizado en colaboración coa concellaría de Igualdade, o evento busca visibilizar a diversidade. O presentador e showman Carlos Veleiro será o mestre de cerimonias desta gala, que contará con Carolina Smith como artista convidada.
O Concello de Redondela celebrará o vindeiro sábado día 22 a tradicional Gala Drag no marco da 27ª edición do Entroido de Verán. A cita é no recinto do campo da feira ás 21.30 horas.
O presentador, showman e monologuista Carlos Veleiro será o mestre de cerimonias desta gala, que contará con Carolina Smith como artista convidada. No concurso repartiranse 2.000 euros en premios, no que o xurado terá en conta a orixinalidade, creatividade e elaboración das fantasías.
A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, sinala que este evento é unha parte moi destacada do Entroido de Verán, que é “espectáculo e diversión pero tamén compromiso coa igualdade e a diversidade”. Pérez Táboas afirma que a Gala Drag “é o mellor reflexo do noso orgullo e da nosa aposta firme pola inclusión”, e conta coa colaboración fundamental da concellaría de Igualdade. “Traballando de xeito conxunto, Cultura e Igualdade demostramos edición tras edición que a cultura e a festa son as mellores ferramentas para visibilizar a diversidade e seguir derrubando barreiras na nosa sociedade”.
Desde o Concello faise un chamamento ao público para gozar do gran talento dos participantes nesta Gala Drag que será “unha gran festa do respecto e a liberdade.”
As actividades no recinto comezarán xa ás 20.00 horas coas sesións dos Djs Sara Gonzálezz e Borja Rúa. Ao remate da Gala Drag a música en directo collerá o relevo co concerto dos galegos Monoulious DOP (de 23:00 a 0:30 horas) e a grande actuación internacional do grupo arxentino Ráfaga, que fará bailar ao público cos seus éxitos dende as 0:30 ata as 2:15 horas da madrugada. O peche oficial da xornada correrá a cargo dos DJs Kike Varela e Rodri Vegas, cunha sesión final prevista ata as 4:00 horas.

