- – Con esta iniciativa, que este ano de novo pediu a asociación Bolboretas no Ceo, o Sistema Sanitario Público de Pontevedra e O Salnés adheriuse á conmemoración do Dia Mundial da concienciación sobre a morte xestacional e perinatal
- – Nas unidades de Partos de ambos hospitais avogan polo acompañamento e a empatía coas nais e pais que perden un bebé, defendendo unha asistencia individualizada e a continuidade nas atencións
As fachadas principais dos hospitais Provincial de Pontevedra e de O Salnés en Vilagarcía de Arousa ilumináronse a pasada noite en cores rosa e azul para lembrar a dor polas perdas perinatais. Con esta iniciativa, que este ano de novo pediu a asociación Bolboretas no Ceo, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés adheriuse á conmemoración do Dia Mundial da concienciación sobre a morte xestacional e perinatal.
Cómpre sinalar que este tipo de falecementos xestacionais e perinatais prodúcense en ocasións puntuais en bebés tras o alumeamento ou incluso intrautero. Tamén se producen temperámente, casos nas primeiras semanas de embarazo e perdas ao final do período xestacional. Outros falecementos prodúcense por interrupción do propio embarazo e incluso de xeito espontáneo.
Segundo sinalan nas unidades de Partos dos hospitais Provincial e de O Salnés, para as nais e pais a morte xestacional ou neonatal é unha experiencia tremendamente dura. Por iso, neses casos que se dan puntualmente na dinámica asistencial da Área Sanitaria é clave o acompañamento, a empatía, o fomento dunha asistencia individualizada e a continuidade nas atencións. Acádase así por parte das parellas un proceso autónomo de toma de decisións -ben de tipo clínico, ou ben relacionadas co coidado do meniño, incluso sobre a súa despedida-.
Tanto o coidado do bebé falecido tras o parto, a atención e acompañamento nesa perda e todo o seguimento posterior son procesos importantes polo seu papel en canto á validación social da propia experiencia do dó, pero tamén a nivel individual.
Traballo humanizador nas unidades de Partos
O traballo humanizador nas unidades de Partos da Área Sanitaria nestas situacións amosa que a maioría de nais e pais que experimentan unha perda deste tipo corroboran os beneficios de poder despedirse do seu bebé tras a súa perda.
Os obxectos de lembranza do meniño e do seu tempo no hospital -cabellos, pegadas dun pé o dunha man, fotos etc- revélanse coma recursos dun alto valor, que favorecen o proceso de dó coma casuística adaptativa que se produce nas perdas, dado que prodúcese nun momento clave para os pais, que poden coidar ao seu fillo e ter a certeza de que o meniño teña unha despedida axeitada.

