Obradoiro de Emprego “Salvaterra Emprega V” pecha un intenso mes de setembro cun conxunto de actuacións de mellora ambiental e urbana no municipio

Redacción

O alumnado combinou a formación teórica en tratamentos silvícolas con intervencións directas en colexios, sendas fluviais, faixas de prevención de incendios e espazos públicos de todo o termo municipal.

O Obradoiro de Emprego Salvaterra Emprega V vén de completar un mes de setembro cun elevado volume de actividade, no que o alumnado compaxinou as sesións formativas teóricas cunha intensa programación de traballos prácticos de utilidade pública enmarcadas dentro do programa formativo. Estas actuacións permitiron mellorar notablemente o estado de conservación, a seguridade e a estética de numerosos espazos urbanos, forestais e educativos de Salvaterra de Miño.

No eido estritamente formativo, o grupo levou a cabo traballos en equipo e exposicións centradas nas operacións básicas en tratamentos silvícolas. Estes coñecementos teóricos foron aplicados de inmediato sobre o terreo, cun foco especial na prevención de incendios forestais a través de labores en faixas secundarias, onde se executaron tarefas de roza, eliminación de especies invasoras (principalmente mimosa) e a retirada de ramas e arborado en zonas próximas a vivendas.

Melloras en sendas e espazos públicos

A protección e posta en valor do patrimonio natural do municipio centrou boa parte dos esforzos de setembro. Realizáronse traballos de roza, soprado e limpeza de cunetas na senda do río Miño, así como a retirada de ramas na senda do río Mendo. Do mesmo xeito, o alumnado interveu na zona de castiñeiros do Monte Castelo e levou a cabo un acondicionamento integral no entorno do cuartel da Garda Civil, retirando árbores caídas e controlando a vexetación próxima ao peche perimetral.

En canto ás infraestruturas viarias, acometeuse a limpeza e reconstrución de canalizacións e cunetas obstruídas por terra en diversos puntos, incluíndo o Polígono Chan da Ponte, onde tamén se actuou nos muros. As entradas ao centro urbano recibiron un coidado especial coa posta a punto das rotondas principais e o corte de setos na Rúa Miño.

Punto a punto nos centros educativos e instalacións deportivas
Co gallo do inicio do curso escolar, Salvaterra Emprega V priorizou a posta a punto dos colexios do municipio e do IES Salvaterra. Nestes centros educativos desenvolvéronse tarefas completas de mantemento exterior que incluíron a corta de céspede, o perfilado de bordos, roza e soprado, garantindo un regreso ás aulas en condicións óptimas. Así mesmo, o complexo deportivo do Casal e os xardíns do Concello foron obxecto de intensas xeiras de limpeza.

Por último, o emblemático Parque da Canuda volveu ser un dos eixes de actuación. Na zona de plantas aromáticas levouse a cabo a eliminación de herbas adventicias e follas secas, mentres que no umbráculo avanzouse en labores de produción vexetal mediante o cambio de macetas, o traballo con esqueixes de romeiro e a plantación de landras de carballo.

Cun balance altamente positivo, o obradoiro cumpre así co seu dobre obxectivo: capacitar profesionalmente a persoas desempregadas no sector forestal e de xardinaría mentres se reverte o seu esforzo nun beneficio directo para toda a veciñanza de Salvaterra.

Este Obradoiro dual de Emprego está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia por un importe de máis de 454.000 euros.

Comparte este artigo