A Xunta manten aberto o prazo para solicitar as axudas para o fomento da sustentabilidade e a seguridade no sector mineiro galego

Redacción
  • A convocatoria, dotada con 2,5 millóns de euros, contempla cinco liñas de apoio que cobren desde investimentos para mellorar as condicións laborais e reducir a exposición ao po ata apoios para a implantación, seguimento ou renovación das normas de certificación en minería sustentable, entre outras

A Xunta de Galicia mantén o seu compromiso co desenvolvemento dunha minaría sustentable e segura, en liña cos obxectivos que marca a Axenda de impulso da minaría de Galicia. Así o subliñou esta mañá o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, durante a visita que realizou na localidade ourensá de A Merca á firma Granitos Excavaciones y Construcción, un compromiso que o Goberno galego materializa coa nova convocatoria da liña de axudas destinada a esta actividade industrial vinculada aos recursos naturais e cuxo prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro 24 de agosto.

As axudas da Consellería de Economía e Industria, que se outorgarán por concorrencia competitiva, están destinadas a empresas privadas do sector mineiro, incluído o subsector da auga mineral natural e o de actividades relacionadas co sector mineiro como é a de elaboración de rocha ornamental, así como as que se dediquen á explotación de balnearios e que realicen a súa actividade ou conten con algún centro de traballo en Galicia.

O programa consta de cinco liñas de axudas: para investimentos destinados a incrementar a protección do ambiente da zona afectada pola actividade mineira; para mellorar as condicións laborais en materia de seguridade e saúde; para a redución da exposición ao po no sector da rocha ornamental; para a adquisición de equipamentos de eficiencia enerxética, especialmente, por parte de empresas de envasado de augas minerais e de explotación de balnearios; e para procesos de certificación.

As axudas oscilan entre os 150.000 e os 3.000 euros. Na maior parte das liñas, a intensidade máxima cobre ata 65 por cento do investimento subvencionable no caso de pequenas empresas; o 55 por cento, para medianas empresas e o 45 por cento se se trata de grandes empresas. O crédito da convocatoria ascende a 2,5 millóns de euros.

Finalmente, Fernández Vila lembrou que a empresa Granitos Excavaciones y Construcción resultou beneficiaria destes apoios en anteriores edicións. Concretamente, as axudas recibidas permitíronlle incorporar unha nova pulidora e un banco de corte con inxección de auga, polo que animou ás empresas do sector a participar nesta nova convocatoria que busca reducir o impacto ambiental da activade ao tempo que achega maior seguridade ao persoal traballador.

Comparte este artigo