O concello de Redondela promove un Entroido de Verán seguro e libre de violencias machistas

Redacción

– A Xunta Local de Seguridade mobiliza a Policía Local e Nacional, Garda Civil e Protección Civil, mentres que a Concellería de Igualdade reforza a prevención contra as agresións sexistas con puntos de atención ata as seis da mañá.

– A alcaldesa, Digna Rivas, apela á implicación cidadá, o civismo e o respecto para que a gran cita multitudinaria do sábado transcorra sen incidentes. “O Entroido de Verán de Redondela foi sempre un espazo de diversión e expresión libre, e queremos que todos e todas poidan gozar desta festa en igualdade”.

O Concello de Redondela ten xa todo preparado para garantir a seguridade e a convivencia durante a celebración do Entroido de Verán este sábado 22 de agosto, unha das citas máis multitudinarias do calendario festivo galego. A Xunta Local de Seguridade coordina o dispositivo no que participan Policía Local, Policía Nacional, Garda Civil e Protección Civil. Plan de Seguridade “garante unha resposta rápida e coordinada ante calquera tipo de incidencia”, segundo explicou o subdelegado do Goberno, Abel Losada. O operativo incluirá tamén dispositivos de control nos principais accesos ao municipio e á zona da celebración co obxectivo de favorecer unha mobilidade segura e previr condutas de risco. Neste marco, as forzas e corpos de seguridade realizarán controis de alcoholemia e drogas, así como outras actuacións preventivas orientadas a garantir a seguridade viaria e o normal desenvolvemento da festa. Pola súa banda a alcaldesa, Digna Rivas, fixo un chamamento ao respecto e á colaboración cidadá para que o Entroido de Verán transcorra con normalidade. “É unha festa de todas e todos, e por iso é fundamental a implicación da veciñanza e das persoas que nos visitan para que poidamos desfrutala con seguridade”, afirmou. A rexedora expresou ademais o seu agradecemento á total disposición e colaboración dos corpos e forzas de seguridade, dos servizos de emerxencias e de Protección Civil, destacando que “o éxito e a tranquilidade dun evento tan multitudinario dependen directamente deste esforzo conxunto e coordinado entre todas as institucións e colectivos implicados”.

Ademais, estará operativo un hospital de campaña ao lado do Concello. O persoal sanitario desprazado estará en contacto permanente co PAC de Redondela para ofrecer unha resposta rápida e coordinada ante calquera incidencia.

Espazos de Igualdade contra a violencia machista

O Entroido de Verán contará con dous “Espazos de Igualdade” destinados á prevención, asesoramento e atención ante posibles agresións sexistas. O punto fixo estará situado na praza do Concello —xunto ao hospital de campaña— e ofrecerá tamén actividades de sensibilización para a rapazada e as familias de 18:00 a 02:00 horas. Pola súa banda, o punto itinerante, formado por dúas técnicas en Igualdade, percorrerá todos os espazos da festa desde as 22:00 ata as 06:00 horas.

A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, explicou que este servizo realiza un labor esencial “para concienciar e sensibilizar á mocidade sobre a importancia da igualdade e o respecto nas relacións”. Vilaboa subliñou que a campaña interpela a toda a sociedade: “Calquera persoa que presencie comportamentos machistas, agresións, insultos sexistas ou tocamentos non consentidos pode dar a voz de alarma”. A rexedora, Digna Rivas, lembrou que o Entroido de Verán de Redondela “foi desde sempre un espazo de diversión e expresión libre, e queremos que todos e todas poidan gozar en igualdade de condicións”. Para iso, engadiu Rivas, “é fundamental o respecto e a colaboración da cidadanía”.

A concelleira de Cultura e Turismo , Rita Pérez Táboas, sumouse ao chamamento ao civismo pedindo “responsabilidade” aos milleiros de participantes para que a celebración sexa “festiva e sen incidentes”. Pérez instou ao público a colaborar para que os espazos públicos queden “o máis limpos posible”, utilizando para iso as ducias de colectores de lixo distribuídos polos recintos e os baños públicos que se instalarán en distintos puntos da vila.

Comparte este artigo