A campaña de doazón de sangue “Un alento de vida” volve a Neda o mércores 26 de agosto

Redacción

Por segunda vez neste verán, unha unidade móbil da Axencia de doazón de órganos e sangue (ADOS) visitará Neda. Así, o vindeiro mércores 26 de agosto a veciñanza da localidade terá a oportunidade de doar sangue sen ter que saír do municipio. A visita forma parte da campaña estival “Un alento de vida”.

Un ano máis, a axencia busca manter estable, a pesar das vacacións, a participación das persoas que doan sangue. O reto pasa por acadar as máis de 22.000 doazóns de sangue que requiren os centros hospitalarios de toda Galicia durante estes meses para atender a preto de 6.500 doentes que requiren no seu tratamento compoñentes obtidos das doazóns.

O autobús estará diante da Casa da Cultura de 09:30 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas. En xeral, poden doar sangue persoas maiores de 18 anos (e ata 70 anos), con máis de 50 quilos de peso e que non padezan nin teñan padecido enfermidades transmisibles polo sangue. E se están a tomar medicación deberán informar ao médico.

O Concello de Neda e ADOS apelan á solidariedade da poboación nedense, e fan un chamamento a acudir a doar, co fin de aumentar a participación veciñal na campaña. Lembran ademais que nas unidade móbiles é posible iniciar os trámites para facerse doantes de medula.

Comparte este artigo