A iniciativa enmárcase na promoción das políticas activas de emprego e en favorecer a inserción no mercado laboral mediante a mellora das capacidades dos participantes.
Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse solicitar á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a achega económica para organizar, conxuntamente co Concello de Coristanco, un novo Programa Integrado de Emprego. O orzamento previsto para desenvolver esta iniciativa ascende a 230.000 euros, importe que se solicita integramente como subvención. Pola súa parte, os dous Concellos participantes contribuirñian á posta en marcha do programa mediante a achega de medios materiais, persoais e organizativos. Esta iniciativa enmárcase no continuo esforzo do Concello da Laracha por impulsar políticas activas de emprego dirixidas ás persoas que se atopan en situación de desemprego, ofrecéndolles ferramentas que contribúan a mellorar as súas competencias e empregabilidade. O Programa Integrado de Emprego que se pretende realizar sería similar aos levados a cabo nos últimos anos, contemplando o desenvolvemento de accións formativas e outras medidas orientadas a facilitar a incorporación das persoas participantes ao mercado laboral.
Outro dos asuntos abordados na sesión foi a aprobación da concorrencia do Concello da Laracha á convocatoria de subvencións a entidades locais para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciada polo programa FSE+ Galicia e promovida pola Consellería de Política Social e Igualdade. A Laracha conta desde hai anos con este servizo destinado a ofrecer atención especializada a nenos e ás súas familias durante as primeiras etapas do desenvolvemento, favorecendo a detección e intervención ante posibles necesidades e contribuíndo á súa evolución integral. O equipo está formado por catro profesionais: psicóloga, logopeda, terapeuta ocupacional e fisioterapeuta. A solicitude presentada ten como finalidade financiar o funcionamento do servizo durante os próximos dous anos, cun custo total de 290.400 euros.
Por outra banda, tamén se acordou adxudicar á empresa Canarga S.L. a execución do proxecto de afirmado e mellora da capa de rodadura en varias vías do núcleo de Lista, na parroquia de Lendo, por un importe superior aos 52.000 euros.
Finalmente, foron concedidas dúas licenzas de obra, unha delas para a construción dunha vivenda unifamiliar en Caión.

