Avante Ourense desexa ánimo ao profesorado ante un novo curso e reclama contundencia fronte ás agresións sexuais

Redacción

Francisco Diéguez: ‘’Esperamos que neste curso calquera agresión sexual sexa condenada con absoluta contundencia. Os centros educativos teñen que ser espazos seguros e ante unha agresión sexual non caben silencios, minimizacións nin respostas insuficientes. Os protocolos deben activarse desde o primeiro momento, a Inspección debe actuar con eficacia e a protección, seguridade e benestar da vítima deben estar sempre por diante de calquera outra consideración”

Avante Ourense espera que a Inspección Educativa actúe con eficacia e que a protección das vítimas estea sempre por diante de calquera outra consideración

Avante Ourense quere trasladar todo o seu ánimo ao profesorado e aos equipos docentes que este martes 1 de setembro comezan un novo curso escolar, nun contexto que volve estar marcado polos recortes e pola perda de recursos no ensino público.

A organización lamenta que o persoal docente teña que afrontar un novo curso con menos recursos e novos recortes respecto de cursos anteriores, mentres se lle esixe dar resposta a necesidades educativas e sociais cada vez máis complexas.

Avante Ourense reivindica un ensino público dotado dos medios humanos e materiais necesarios e no que o profesorado conte co apoio efectivo da Administración.

Ao mesmo tempo, Avante Ourense reclama que o curso 2026/2027 marque un antes e un despois na resposta ante calquera agresión ou violencia de natureza sexual dentro dos espazos educativos.

A organización pon como exemplo as denuncias públicas realizadas pola Marcha Mundial das Mulleres arredor do IES Xulio Prieto Nespereira, nas que o colectivo reclamou actuacións ante posibles situacións de violencia machista e cuestionou a resposta da Administración educativa. Para Avante Ourense, este tipo de denuncias evidencian a necesidade de que calquera situación desta natureza sexa investigada con rigor, rapidez e todas as garantías, situando sempre no centro a protección e o acompañamento das persoas afectadas.

Avante Ourense considera imprescindible que a Inspección Educativa actúe con rapidez, eficacia e rigor ante calquera indicio de violencia, garantindo o cumprimento íntegro dos protocolos, a adopción das medidas necesarias e o seguimento posterior dos casos.

A organización desexa finalmente moita forza e ánimo a todo o profesorado e persoal dos centros educativos de Galicia ante o inicio deste novo curso e reitera o seu compromiso coa defensa dun ensino público de calidade, con recursos suficientes e seguro para todo o alumnado.

Comparte este artigo