- En 18 dos 22 días hábiles deste mes disporáse de tres consultas médicas no centro de Atención Primaria morañense e dúas consultas nas catro xornadas restantes de setembro
- As xestións da Área Sanitaria tamén acadaron a cobertura durante este mes de sendas consultas con dous facultativos de Medicina Familiar e Comunitaria no centro de Atención Primaria de Cuntis
¡A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés coordinou a planificación asistencial dos centros de saúde de Moraña e Cuntis para o presente mes de setembro, co obxectivo de garantir a continuidade da súa Atención Primaria e dar resposta ás necesidades das poboacións nambas localidades.
No que atinxe ao Concello de Moraña, na actualidade o cadro de efectivos de Medicina Familiar e Comunitaria deste centro de saúde dispón de tres facultativos, dos que unha profesional atópase en situación de incapacidade temporal. Pola súa banda, unha das outras dúas facultativas conta cunha redución de xornada autorizada en días concretos.
Xestión de coberturas en setembro
Ante a dita situación, a Dirección da Área Sanitaria traballa xa na xestión das coberturas necesarias, priorizando a cobertura dos días con redución de xornada da segunda facultativa durante o mes de setembro mediante prolongacións de xornada. Do mesmo xeito, a Administración Sanitaria aplicará este mesmo mecanismo de prolongacións voluntarias para cobrer o maior número de días posibles da ausencia por baixa médica da terceira profesional.
Froito destas xestións, dos 22 días hábiles deste mes de setembro nos que hai consulta no centro de saúde morañense, en 18 deles disporáse de tres consultas médicas ao día, mentres que nos catro días restantes haberá operativas dúas consultas. Esta previsión organizativa e asistencial se lle notificou ao rexedor do Concello de Moraña.
Atención médica en Cuntis
De xeito complementario, as xestións efectuadas pola Área Sanitaria tamén acadaron a cobertura durante o presente mes de sendas consultas con dous facultativos de Medicina Familiar e Comunitaria no centro de saúde de Cuntis. Dita planificación tamén se lle notificou dende a Xerencia da área de saúde ao alcalde do Consistorio cuntiense.
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reitera o seu compromiso constante na procura de xestións organizativas para a cobertura os seus recursos humanos e garantir á poboación unha atención sanitaria de continuidade, ao tempo que recoñece a encomiable colaboración e disposición do persoal dos centros para manter a actividade asistencial.

