A Xunta continúa a promoción do Destino Galicia con novas viaxes de familiarización dirixidas a mercados estratéxicos internacionais

Redacción
  • Estes profesionais participantes proceden dalgúns dos mercados que máis visitantes achegan á comunidade como Alemaña, Irlanda, Reino Unido, Finlandia, Italia, Estados Unidos, Canadá e Brasilç
  • Galicia estará presente no Grand Pavois, na Tourism Expo Japan e na Ourense Termatalia
  • O Camiño de Santiago destaca cunha programación específica que inclúe iniciativas vinculadas á accesibilidade e á promoción das distintas rutas xacobeas

Turismo de Galicia continúa co desenvolvemento do seu Plan de Promoción Turística 2026 durante este mes de setembro, cunha intensa programación de accións destinadas a reforzar o posicionamento do destino nos mercados internacionais de Alemaña, Irlanda, Reino Unido, Finlandia, Italia, Estados Unidos, Canadá e Brasil.

Estas actuacións contribúen a reforzar a difusión da oferta turística galega e do Camiño de Santiago, especialmente ante a proximidade do Xacobeo 2027. No marco do Plan de Promoción Turística 2026, a Xunta de Galicia ten previstas máis de 150 accións en arredor de 20 mercados internacionais, unha aposta que contribúe a consolidar Galicia como destino turístico de referencia a nivel global. O impulso da presenza de Galicia nos mercados internacionais enmárcase, ademais, nas liñas de actuación da Estratexia de Turismo de Galicia 2030.

En canto ás accións vinculadas ao Camiño de Santiago, estes días catro xornalistas con discapacidade están a realizar un percorrido polo Camiño Portugués, en colaboración coa OET de Los Ángeles. A iniciativa permite que coñezan de primeira man o traballo desenvolvido para avanzar cara a unha peregrinación cada vez máis accesible e inclusiva, así como os recursos que facilitan a experiencia do Camiño para todas as persoas.

O estadounidense é o segundo mercado internacional que máis peregrinos achega, con máis de 34.300 peregrinos no que levamos de ano.

Ademais, do 3 ao 6 de setembro desenvolveuse unha acción en colaboración coa Oficina Española de Turismo (OET) de Berlín. Nela participaron seis axentes de viaxes do mercado alemán, que tiveron a oportunidade de coñecer diferentes recursos, destinos e experiencias turísticas de Galicia. Esta iniciativa permitiu tamén reforzar o coñecemento de Galicia entre os profesionais dun mercado que en 2025 rexistrou case 180.00 viaxeiros, situando a Alemaña como o terceiro país estranxeiro que máis visitantes achega a Galicia.

Unha ampla programación promocional

Setembro conta cun intenso calendario de accións de promoción turística. A axenda inclúe unha ampla variedade de iniciativas dirixidas a turoperadores, xornalistas e creadores de contido, co obxectivo de reforzar a visibilidade de Galicia e dar a coñecer de primeira man a súa oferta turística e reforzar o traballo da Xunta con varios dos principais países emisores de visitantes.

Turismo de Galicia ten previstas varias viaxes de prensa a mediados de mes xunto a OET de Dublín e a OET de Londres, a segunda tamén en colaboración con National Geographic. A finais de mes desenvolveranse outras tres accións para medios de comunicación coa OET de Helsinki, a OET de Roma e unha segunda visita xunto a OET de Londres e The Sunday Times.

A Xunta impulsa tamén varias viaxes de familiarización para turoperadores. Neste ámbito, destacan dúas accións, unha desenvolvida en colaboración co Porto da Coruña e outra para dar a coñecer EuroVelo Galicia, en colaboración coa OET de Frankfurt, vinculando a promoción internacional coa oferta de cicloturismo galega.

O plan promocional nas rutas xacobeas e en grandes feiras internacionais

O Camiño de Santiago é un dos grandes eixos da programación promocional deste mes, con accións que presentan as diferentes rutas xacobeas aos mercados interesados.

Do 4 ao 7 de setembro, Turismo de Galicia participou no XII Congreso Nacional de Peregrinos de Brasil, nunha acción que contribúe a estreitar a relación con este mercado xacobeo, que durante 2026 xa achegou máis de 5.400 peregrinos ao destino.

O programa inclúe tamén varias viaxes de familiarización para turoperadores vinculadas directamente ao Camiño, con dúas actuacións previstas xunto á OET de Dublín e á OET de Toronto, permitindo aos participantes vivir experiencias vinculadas ao Camiño.

A promoción internacional complétase coa participación de Turismo de Galicia en tres importantes feiras en Francia, Xapón e Galicia que se celebrarán a finais de mes.

Galicia estará presente no Grand Pavois, en Francia, unha das principais citas internacionais vinculadas ao turismo náutico e marítimo; na Tourism Expo Japan, en Tokio, reforzando a promoción do destino no continente asiático; e na Ourense Termatalia, feira internacional especializada en turismo termal, saúde e benestar.

Comparte este artigo