· A moción contempla unha experiencia de doce meses, con horarios adaptados ás quendas laborais, e o avance en paralelo da Área de Transporte Metropolitano
· A iniciativa incorpora o acordo municipal do 8 de setembro para executar a resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia e retrotraer o procedemento de contratación do transporte urbano
O Grupo Provincial Popular vén de rexistrar esta mañá unha moción para impulsar o transporte metropolitano en Ourense, cun proxecto piloto de conexión cos polígonos industriais da contorna. A proposta busca facilitar o acceso aos centros de traballo mediante servizos coordinados coa rede de transporte público e horarios axustados ás necesidades das persoas traballadoras.
A iniciativa propón que a experiencia piloto teña unha duración de doce meses desde o inicio efectivo do servizo. A súa posta en marcha estará precedida dunha memoria técnica e económica específica, da definición do financiamento e dos informes necesarios para garantir a súa viabilidade.
O deseño deberá concretar os polígonos atendidos, os núcleos de orixe, os percorridos, as paradas e os puntos de intercambio, así como as frecuencias e os horarios adaptados ás quendas laborais. Para determinar estas condicións, a moción prevé contrastar as necesidades cos concellos, coas persoas traballadoras e coas entidades representativas dos polígonos.
O plan contará ademais cun seguimento trimestral, unha avaliación intermedia aos seis meses e un informe final, analizándose entre outros aspectos a utilización do servizo, a puntualidade, a adecuación dos horarios e o custo por viaxe, para decidir a súa continuidade, adaptación ou ampliación.
Actualización tras a resolución do TACGal
A moción incorpora a comunicación do Concello de Ourense do 8 de setembro, sobre o acordo da Xunta de Goberno local para executar a resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia, que anula a adxudicación do transporte urbano para o período 2026-2031, retrotrae o procedemento e traslada o expediente á mesa de contratación.
Neste contexto, o PP provincial solicita que o Concello de Ourense remita ao comité técnico-político do transporte metropolitano nun prazo de trinta días desde a recepción do acordo plenario, a resolución, o acordo municipal e un informe sobre as actuacións pendentes e o calendario previsto. O obxectivo é coñecer os efectos sobre a planificación metropolitana e identificar os traballos que poden avanzar mentres se desenvolve o procedemento contractual.
Traballo paralelo na área metropolitana e financiamento definido
A proposta mantén o estudo xeral da extensión de oito liñas como marco de planificación e establece que o proxecto piloto dos polígonos dispoña dunha memoria e dun financiamento diferenciados. As administracións implicadas deberán concretar as súas responsabilidades e achegas antes da posta en servizo.
Ao mesmo tempo, a moción insta á Xunta de Galicia a presentar, nun prazo de sesenta días desde a recepción do acordo, unha proposta inicial para a Área de Transporte Metropolitano. Ese documento deberá recoller o ámbito territorial, as necesidades de servizo, a coordinación coa rede urbana, o financiamento e o calendario de desenvolvemento.
A proposta incluirá tamén a comprobación dos equipamentos e das adaptacións necesarias para habilitar un billete único, bonificacións e transbordos gratuítos.
O Grupo Provincial Popular propón que a Deputación continúe exercendo a coordinación institucional deste proceso, convoque o comité técnico-político dentro dos trinta días seguintes á aprobación da moción e remita ao pleno informes trimestrais sobre os avances, as actuacións pendentes e os obstáculos detectados.

