O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra celebra un curso sobre a sepsis dirixido a médicos residentes de anestesioloxía de toda Galicia

Redacción
  • –      A cita, impulsada polo Servizo de Anestesioloxía, Reanimación e Terapia da Dor do CHUP xunto coa Asociación Galega de Anestesioloxía, Reanimación e Terapia da Dor -AGARYD- reuniu en Montecelo a especialistas de referencia nacional para abordar o manexo integral desta grave complicación médica
  • –      A actividade combinou clases maxistrais, análise de casos reais, obradoiros interactivos e exercicios de simulación

O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra acolleu hoxe a celebración do curso de Sepsis para Residentes 2-Residentes 3 de Anestesioloxía, Reanimación e Terapia da Dor de Galicia, un encontro encadrado no Programa de formación continuada da Asociación Galega de Anestesioloxía, Reanimación e Terapia da Dor -AGARYD-.

O Obradoiro, promovido polo Servizo de Anestesioloxía Reanimación do propio Complexo Hospitalario Pontevedrés, reuniu a médicos en período de Residencia das distintas áreas sanitarias da Comunidade Autónoma galega.

A benvida institucional e apertura da Xornada celebrada no Hospital Montecelo correu a cargo do xerente José Flores Arias, xunto coa doutora Marina Varela Durán, xefa do servizo de Anestesioloxía, Reanimación e Terapia da Dor do CHUP. Ambos os dous destacaron a relevancia da actualización permanente dos futuros especialistas, para acadar diagnósticos precoces e abordaxes máis eficientes ante unha patoloxía tempo dependente e de elevada gravidade como é a Sepsis.

Expertos nacionais, simulación e práctica clínica

O programa científico do curso Sepsis Residentes 2-Residentes 3 contou coa participación de destacados profesionais do eido estatal. O doutor Marcio Borges Sa, coordinador nacional do Código Sepsis España e responsable do equipo multidisciplinar de Sepsis do Hospital Son Llàtzer de Palma de Mallorca, impartiu o relatorio maxistral “Código Sepsis: Buscando a excelencia”, seguido da exposición duna experiencia real.

A xornada completouse con obradoiros prácticos impartidos por facultativos do CHUP pontevedrés: a doutora Minia Bastón Castiñeiras dirixiu un caso interactivo sobre sepsis urinaria, mentres que o doutor Gabriel Escudero Gómez coordinou un exercicio apoiado en técnicas de simulación.

O peche docente do curso Sepsis Residentes 2-Residentes 3 correu a cargo do doutor Ramón Adalia, xefe do servizo de Anestesioloxía Reanimación do Hospital del Mar de Barcelona e coordinador do Grupo de Traballo de Infección Perioperatoria GTIPO da Sociedad Española de Anestesiología, Reanimación y Terapéutica del Dolor -SEDAR-, quen abordou a terapéutica empírica da infección nosocomial. A sesión concluíu cunha posta en común das conclusións clave para a práctica asistencial diaria dos participantes.

Comparte este artigo