- Tamén continúan en fase de prealerta as concas do río Tambre e ría de Muros e Noia; do río Grande (Camariñas); do río Mandeo e ría de Betanzos, e do río Landro e río Ouro
- Un total de 32 concellos están afectados actualmente polo escenario de alerta, mentres que nas 6 zonas da demarcación declaradas en prealerta, a implicación práctica sobre os sistemas de abastecemento concéntranse en 48 municipios
- Os técnicos adoptan estas decisións tras constatar a persistencia dos principais indicadores en valores baixos e tendo en conta as previsións meteorolóxicas
- O resto de Galicia-Costa continúa en situación de normalidade, cunha ocupación dos encoros de abastecemento do 58,18%, 11,1 puntos menos que o ano pasado nesta data
A Xunta mantén a situación de alerta por escaseza de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo, así como a aplicación de medidas equivalentes, sen chegar a declarala, no subsistema de Baiona. Ademais, en vista da evolución máis recente dos indicadores no resto da demarcación, tamén se estende desde hoxe a declaración de prealerta á unidade territorial de Ferrol (río Mera, ría de Ortigueira e ría de Cedeira), e no subsistema de Zamáns empezaranse a adoptar medidas equivalentes.
Estas dúas zonas súmanse ás catro unidades territoriais (UTE) da Demarcación Galicia-Costa que levan en prealerta por escaseza moderada de auga desde o 11 de agosto e que continuarán na mesma situación: as UTE do río Tambre e ría de Muros e Noia; do río Grande, en Camariñas; do río Mandeo e ría de Betanzos, e do río Landro e río Ouro.
Así o acordou esta mañá a Oficina Técnica da Seca, que estivo presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e á que asistiron tamén o xerente do organismo hidráulico, entre outros cargos, así como representantes de Protección Civil, de MeteoGalicia e das Consellerías de Sanidade e do Medio Rural.
Durante a reunión, os técnicos tiveron en conta tanto datos meteorolóxicos como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, segundo o protocolo establecido no Plan especial da seca de Galicia-Costa. Neste sentido, os principais índices se manteñen en valores baixos e as precipitacións da última semana de agosto contribuíron a que o mes acabara sendo moi húmido en comparación coa serie histórica e favoreceron unha recuperación puntual dalgúns caudais, aínda que sen ter efectos significativos desde o punto de vista da recuperación das reservas hídricas, dos caudais dos ríos e dos escenarios actualmente activados.
Ademais, as previsións para setembro a curto prazo non apuntan á chegada de precipitacións senón a un predominio anticiclónico e un aumento das temperaturas e agárdase que o mes, no seu conxunto, acabe movéndose dentro da normalidade.
Máis dun cento de concellos están parcial ou completamente incluídos nas unidades afectadas: 32 pola alerta ou por medidas equivalentes e outros 75 pola declaración da prealerta ou medidas equivalentes. Neste último caso, con todo, a incidencia na práctica é desigual, xa que nalgúns concellos só unha parte reducida do seu territorio pertence á unidade afectada e o sistema principal de abastecemento capta a auga noutra bacía. Polo tanto, tendo en conta a procedencia da auga dos sistemas municipais principais, a prealerta ten maiores implicacións prácticas sobre o abastecemento en 48 concellos.
No resto de unidades territoriais de escaseza nas que se divide Galicia-Costa mantense a situación de normalidade e segundo os últimos datos de ocupación dispoñibles, os encoros de abastecemento sitúanse no 58,18% da súa capacidade, 11 puntos por debaixo do nivel rexistrado o ano pasado nesta mesma data.
Implicacións nos concellos afectados
O nivel de alerta é o segundo máis alto dos establecidos no Plan da seca de Galicia-Costa para a xestión de situacións de escaseza conxuntural, sendo o último e máis elevado o de emerxencia. A efectos prácticos, esta declaración supón comezar a adoptar medidas para conservar os recursos hidráulicos existentes. Por exemplo, de ser necesarios, a prohibición de usos prescindibles como o baldeo de rúas, o enchido de piscinas ou a rega de xardíns. Así mesmo, en caso de ser preciso, aplicaríanse cortes de auga puntuais.
En concreto, os 32 concellos afectados son Beariz, Barro, Bueu, O Campo Lameiro, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda e Vilaboa, da UTE río Lérez; Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas, do río Anllóns; e Baiona.
Así mesmo, o escenario de prealerta implica un seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos e encoros nos sistemas afectados, así como das posibles incidencias. Ademais, prevense medidas de concienciación dirixidas á cidadanía para facer un uso responsable da auga e recomenda aos concellos minimizar os gastos públicos non esenciais. De feito, neste escenario solicitouse aos municipios que comunicaran a Augas de Galicia os seus datos diarios de caudais de consumo.
Os 75 concellos incluídos territorialmente, de forma total ou parcial, nas UTE en prealerta ou con medidas equivalentes e non contabilizados xa nas zonas de alerta son: Abegondo, Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Carral, Curtis, Frades, Lousame, Mazaricos, Melide, Mesía, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Outes, Oza-Cesuras, O Pino, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sobrado, Toques, Trazo, Val do Dubra e Vilasantar, da UTE río Tambre e ría de Muros; Camariñas, Laxe, Muxía e Vimianzo, da UTE río Grande; Aranga, Bergondo, Betanzos, Coirós, Irixoa, Miño, Monfero, Oleiros, Paderne, Sada, Vilarmaior, Friol e Guitiriz, do río Mandeo e ría de Betanzos; e Alfoz de Castrodouro, Foz, Muras, Ourol, O Valadouro e Viveiro, da cunca río Landro e río Ouro; Ares, Cabanas, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Cerdido, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Valdoviño, Moeche, Neda, San Sadurniño e As Somozas, da unidade territorial de Ferrol; e Nigrán e Vigo, pertencentes ao subsistema de Zamáns.
Cómpre lembrar que mediante o seguimento periódico da situación que fai a través da Oficina Técnica da Seca, o Goberno galego traballa para adiantarse e adoptar medidas ante un posible episodio a futuro de escaseza de auga, así como para garantir a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable dos recursos hídricos.

