- – O servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do hospital arousán celebrou o seu terceiro curso de abordaxe minimamente invasiva por vía vaxinal, un procedemento no que o centro comarcal de Ande é referente desde o ano 2022
- – O xefe do Servizo, o doutor Emilio Salvador Cabo Silva, analizou o impacto desta tecnoloxía nos pacientes, nos equipos cirúrxicos e na xestión hospitalaria arousá
O Hospital do Salnés acolleu a celebración da terceira edición do seu curso de especialización en cirurxía xinecolóxica minimamente invasiva sen cicatrices abdominais, unha actividade organizada pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés que reuniu a oito cirurxiáns con ampla experiencia previa procedentes de diversos puntos do país.
Desde que o centro hospitalario arousán comezou a implementar este procedemento no ano 2022, o seu equipo médico e cirúrxico avanzou de xeito notable na consolidación desta técnica e na transferencia de coñecemento a novos especialistas.
Abordaxe de vangarda sen incisións
A técnica vNOTES –Vaginal Natural Orifice Transluminal Endoscopic Surgery- consiste nunha metodoloxía na que os cirurxiáns operan dentro do abdome utilizando os orificios naturais do corpo -neste caso, a vía vaginal- como acceso. En lugar de realizar incisións na parede do abdome, coma na cirurxía tradicional ou na laparoscopia, aprovéitase o canal natural para introducir unha pequena plataforma e cámaras de alta definición, o que permite efectuar a xornada por dentro sen necesidade de abrir o ventre.
Vantaxes para as pacientes
O xefe do Servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do Hospital do Salnés e director do curso, o doutor Emilio Salvador Cabo Silva, destacou os beneficios directos para a saúde das mulleres. A nivel asistencial, o doutor Cabo Silva explicou que o uso dos orificios naturais evita marcas externas, mentres que os estudos amosan unha redución importante da dor tras a intervención e un menor requerimento de medicación analxésica. “As pacientes reanudan as súas actividades cotiás nun tempo considerablemente menor en comparación coa laparoscopia tradicional ou a cirurxía aberta”, subliña o especialista.
Melloras na labor cirúrxica
Desde a perspectiva dos equipos médicos e cirúrxicos, Emilio Cabo Silva sinalou que a abordaxe vNOTES aporta unha ergonomía superior ao facilitar unha postura de traballo máis cómoda durante as operacións. Así mesmo, o doutor Cabo puxo en valor que esta tecnoloxía “proporciona unha excelente visibilidade e un acceso directo á cavidade pélvica, ao útero, ás trompas de Falopio e aos ovarios”, optimizando a precisión do procedemento.
Eficiencia e liderado para o centro hospitalario
En canto ao impacto no propio centro sanitario arousán, o xefe do Servizo de Obstetricia e Xinecoloxía indicou que a redución dos tempos de ingreso hospitalario permite optimizar a xestión de camas e os recursos do hospital. “A consolidación desta técnica posiciona ao Hospital do Salnés á vangarda da tecnoloxía médica e da formación continuada en xinecoloxía a nivel rexional e nacional”, conclúe.
Simulación intensiva e cirurxía en directo
O programa da terceira edición do curso de especialización en cirurxía xinecolóxica minimamente invasiva sen cicatrices abdominais estruturouse nunha xornada teórica e de adestramento práctico con simuladores baixo a supervisión dos titores, seguida dunha inmersión cirúrxica na que os alumnos accederon ao quirófano para presenciar e participar en intervencións en directo.
Asi mesmo, a formación contou coa titorización do doutor José Manuel López Carral, do Hospital Clínico Universitario de Santiago, do doutor Enrique Piedras Vidal e da doutora Patricia Frade Gallego, facultativos ambos do cadro de profesionais do Hospital do Salnés.
Actualmente, o centro sanitario arousán aplica a vía vNOTES en histerectomías por patoloxía benigna, cirurxía do prolapso uterino e na abordaxe de patoloxías ováricas coma anexectomías e quistectomías.

