A Xunta destaca a histórica conexión entre Drogheda e Galicia coa inauguración da primeira Mouteira Xacobea en Irlanda

Redacción
  • O comisario do Xacobeo 2027 resaltou a instalación deste fito na cidade irlandesa de Drogheda como forma de recuperar a súa memoria histórica como antigo punto de saída de peregrinos cara a Galicia
  • A mouteira, situada na contorna de Scotch Hall, marca 1.251 quilómetros ata A Coruña e amplía a cinco os fitos que sinalizan o Camiño Inglés

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, asistiu hoxe á inauguración da primeira mouteira na República de Irlanda, concretamente na cidade de Drogheda, un dos principais portos comerciais da costa oriental do país e un antigo punto de partida de peregrinos cara a Galicia.

O novo fito xacobeo sitúase na contorna de Scotch Hall, un coñecido centro comercial e de lecer da cidade, nunha zona vinculada ao antigo punto de embarque de peregrinos a Galicia. Segundo investigadores locais, durante a Idade Media os peregrinos procedentes do nordeste e do centro de Irlanda chegaban a Drogheda antes de embarcar cara á Coruña.

Durante o acto de inauguración, Marcos Gómez Román puxo o foco no valor de recuperar esta memoria histórica para reforzar os vínculos entre Irlanda e Galicia. “É un verdadeiro pracer inaugurar esta mouteira xacobea en Drogheda, unha cidade cunha importante tradición portuaria e cun papel destacado na historia das peregrinacións irlandesas cara a Galicia”, destacando así a recuperación dunha historia que “permite recoñecer unha relación que se foi construíndo ao longo dos séculos e que hoxe continúa viva a través do Camiño de Santiago”.

A mouteira cumpre unha función de orientación para os peregrinos e incorpora unha inserción que sinala os 1.251 quilómetros que separan Drogheda da Coruña. Para o comisario do Xacobeo 2027, este fito permite conectar a sinalización actual coa tradición das peregrinacións marítimas desde Irlanda, que se consolidaron a través dunha ruta por mar ata o porto da Coruña. “A partir de aí, a cidade de Santiago desenvolveu un vínculo moi importante con Irlanda e hoxe estamos a reforzar esa relación mediante unha sinalización que fai visible esta conexión histórica e que acompaña aos peregrinos no seu percorrido cara a Santiago”, afirmou.

A iniciativa para a instalación deste fito partiu en novembro de 2025 da asociación Camiño de Santiago Society de Irlanda, que solicitou unha mouteira á Xunta para colocala no Camiño Boyne Valley, identificado expresamente como itinerario xacobeo en Irlanda.

Trátase da primeira mouteira xacobea instalada en Irlanda e da quinta no Camiño Inglés, co que son xa cinco os fitos instalados para sinalizar este itinerario xacobeo.

Drogheda e a súa vinculación co Camiño

Na cidade de Drogheda atópase o Camiño Boyne Valley, un itinerario circular de aproximadamente 25 quilómetros creado por Boyne Valley Walking e Drogheda Walks. A ruta dispón de credencial e selos e permite aos peregrinos completar, xunto cos 75 quilómetros do tramo da Coruña ata Santiago, os 100 quilómetros necesarios para obter a Compostela.

O comisario do Xacobeo 2027 agradeceu a colaboración das autoridades locais e das relixiosas, así como o traballo da Confraternity of Saint James e do conxunto de voluntarios implicados na recuperación desta dimensión espiritual e cultural do Camiño, no marco da representación desta mouteira como “símbolo do recoñecemento dos galegos aos peregrinos que cada día deciden vivir esta viaxe física e espiritual cara a Santiago de Compostela”.

Fitos xacobeos no mundo

A instalación desta mouteira en Drogheda forma parte do traballo que a Xunta de Galicia desenvolve desde hai anos para colocar fitos xacobeos en lugares emblemáticos de todo o mundo, co obxectivo de promover, divulgar e reforzar o coñecemento dos itinerarios xacobeos e da súa dimensión internacional.

Esta aposta pola internacionalización do Camiño coincide cunha evolución positiva da peregrinación. No que levamos de 2026, máis de 410.000 peregrinos recolleron a Compostela, un 7% máis que no mesmo período de 2025. Ademais, os peregrinos estranxeiros representan nestes momentos o 59% do total.

No caso do Camiño Inglés, neste ano 2026 foron máis de 24.000 os peregrinos que recolleron a Compostela a través deste itinerario, un 5% máis que en 2025.

Comparte este artigo