Educación anima á matriculación na Formación Profesional, que multiplica por dous o número de solicitudes en novidades como a FP Acelerada

Redacción
  • O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visitou o CIFP A Xunqueira, onde coñeceu de primeira man a experiencia do alumnado do novo ciclo de Acelerada de Preparación, protección e embelecemento de superficies de carrozarías
  • Tamén estivo cos estudantes do ciclo básico de Carpintería e moble, que arrancou o pasado curso neste centro e que se está consolidando grazas á súa orientación práctica e vinculada coa contorna

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, animou hoxe á matriculación na Formación Profesional, que permanece aberta e está rexistrando un incremento exponencial de solicitudes neste curso en novas modalidades como a FP Acelerada ou o primeiro dobre ciclo internacional de España. Así o salientou esta mañá nunha visita ao Centro Integrado de FP A Xunqueira, en Pontevedra, onde puido coñecer de primeira man a experiencia dos alumnos matriculados nos ciclos formativos deste centro, tanto de nova incorporación como é a modalidade Acelerada, coma dos de continuidade.

O titular de Educación do Goberno galego, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez; avanzou que, á falta de pechar a matrícula, os datos provisionais apuntan, de novo, a que se alcanzará un número importante de matriculados. No caso da FP Acelerada, multiplicouse por dous o número de solicitudes en toda Galicia respecto ao curso pasado neste segundo ano de implantación.

Precisamente, o CIFP A Xunqueira estréase este curso co novo ciclo medio de FP Acelerada de Preparación, protección e embelecemento de superficies de carrozarías, con 14 alumnos matriculados. Cómpre lembrar que esta modalidade é unha vía única e exclusiva de Galicia que consiste nunha formación concentrada nun período de entre catro e seis meses. Segundo recalcou o conselleiro, “ten unha dobre vantaxe” xa que lle proporciona ás persoas unha formación rápida para o acceso ao mercado laboral e as empresas dispoñen de man de obra cualificada dun xeito áxil, sobre todo en sectores con maior demanda. As persoas reciben unha certificación profesional e, ademais, poderán convalidala para a obtención dun futuro título formativo. 

Román Rodríguez tamén visitou o alumnado do ciclo básico de Carpintaría e moble, da familia profesional da Madeira, que arrancou novo o pasado ano neste centro e conta con 27 matriculados entre 1º e 2º curso. Segundo lle explicou o equipo directivo, este ciclo é unha das liñas formativas que se está consolidando no centro grazas á súa orientación práctica e vinculada coa contorna. Proba diso é a réplica a escala da Casa da Luz de Pontecaldelas, elaborada polo alumnado e posteriormente instalada no Colexio da Reigosa como casa de xogos no patio.

Impulso cualitativo

Ademais dos datos cuantitativos, que se reflicten en 50.244 prazas de novo ingreso (un 2,2% máis que o curso anterior) ofertadas en Galicia para este novo curso, case 17.000 delas na provincia de Pontevedra e preto dun cento no CIFP A Xunqueira, o conselleiro destacou a aposta da Xunta por un “impulso cualitativo” centrado na especialización, a flexibilidade e a internacionalización a través de propostas formativas que se reforzan ano a ano como a FP Acelerada, a FP Básica Adaptada e a FP Básica para Adultos, que arrancaron como novidosas o pasado curso.

Neste 2026/27 puxéronse en marcha por primeira vez os novos itinerarios formativos integrados e o primeiro ciclo de dobre grao internacional, “que nos sitúa á vangarda de España”.

Comparte este artigo