Miguel Fernández pide a Candia que defenda como alcaldesa o que prometía na oposición para o Sagrado Corazón

Redacción

O portavoz socialista lembra que Candia trasladou á veciñanza que a Xunta asumiría toda a parcela para construír o centro de saúde e incorporar novos servizos, unha ambición que agora rebaixa desde a Alcaldía.

Fernández reivindica o traballo do anterior Goberno para conseguir os terreos e o compromiso da Xunta, pero insiste en que “isto non vai de confrontar, senón de defender Lugo e conseguir a mellor solución para o barrio”.

“Unha alcaldesa ten que ser máis esixente na defensa da súa cidade que unha portavoz da oposición, non menos. Pedímoslle a Candia que defenda ante a Xunta aquilo que ela mesma lle prometeu á veciñanza”, afirmou.

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, pediu á alcaldesa de Lugo, Elena Candia, que defenda desde a Alcaldía o mesmo nivel de ambición para o Sagrado Corazón que ela mesma reclamaba cando estaba na oposición e esixa á Xunta que manteña o compromiso de asumir a totalidade dos terreos do antigo colexio para desenvolver un proxecto integral de servizos públicos.

Fernández lembrou que o 9 de decembro de 2024 Candia, acompañada polo daquela delegado territorial da Xunta, Javier Arias, reuniuse coa veciñanza do barrio para trasladarlle que a Administración autonómica estaba disposta a asumir toda a parcela. O plantexamento contemplaba construír de maneira inmediata o novo centro de saúde e aproveitar o resto dos terreos para novos equipamentos, entre os que se barallaban un espazo sociocultural ou unha escola infantil.

“Non estamos falando dunha proposta que lle esteamos poñendo agora nós enriba da mesa. É o que Elena Candia defendía ante os veciños e veciñas cando estaba na oposición. O difícil de entender é que agora, cando é alcaldesa e ten a responsabilidade de defender os intereses de Lugo diante doutras administracións, rebaixe aquelas esixencias”, sinalou Fernández.

Para o portavoz socialista, a cuestión vai máis alá das posicións partidistas e afecta directamente ao papel que debe exercer a Alcaldía na defensa da cidade. “Unha alcaldesa ten que ser máis esixente na defensa da súa cidade que unha portavoz da oposición, non menos. Non lle pedimos confrontación coa Xunta. Pedímoslle que negocie, que reivindique e que pelexe para conseguir para Lugo o mellor proxecto posible”, afirmou.

Un traballo que permitiu chegar ata aquí

Fernández reivindicou tamén o traballo realizado polo anterior Goberno municipal para facer posible que a parcela sexa hoxe patrimonio público. O Executivo socialista negociou durante meses para conseguir os terreos, reservou os recursos necesarios para a súa adquisición e, ante a imposibilidade de seguir esperando, tomou a decisión de impulsar a súa expropiación. Un proceso que permitiu avanzar definitivamente na obtención dunha parcela estratéxica para o futuro do barrio.

“Que a acta de expropiación se asine agora non pode borrar todo o traballo realizado para chegar ata ese momento. Houbo que negociar, buscar solucións, reservar os cartos e tomar a decisión política de expropiar. Fixémolo porque tiñamos claro que o Sagrado Corazón non podía perder esta oportunidade”, explicou Fernández.

Ese traballo permitiu ademais avanzar nas negociacións coa Xunta. En maio de 2025, xa con Miguel Fernández na Alcaldía, Concello e Consellería de Sanidade alcanzaron un acordo para situar definitivamente o novo centro de saúde nos terreos do antigo colexio.

Foi a propia Xunta a que anunciou publicamente aquel acordo e recolleu expresamente que estaba disposta a “asumir a titularidade do conxunto da parcela, así como parte do custo das demolicións”. A Administración autonómica recoñecía tamén que os terreos tiñan unha superficie moi superior á necesaria para a construción do equipamento sanitario e que permitirían desenvolver novos proxectos no futuro.

“Ese foi o resultado do traballo e da negociación: conseguimos os terreos, desbloqueamos a ubicación do centro de saúde e conseguimos que a Xunta estivese disposta a asumir toda a parcela. O que pedimos agora é moi sinxelo: que non se renuncie ao conseguido”, incidiu.

Defender Lugo non é confrontar

Fernández insistiu en afastar este asunto dunha confrontación entre administracións ou partidos e asegurou que o PSOE estará ao lado do Goberno municipal se Candia decide defender ante a Xunta o proxecto máis ambicioso para o barrio.

“Non buscamos unha confrontación coa Xunta nin coa alcaldesa. Buscamos unha solución para o Sagrado Corazón. Queremos que o centro de saúde se constrúa canto antes e queremos que unha parcela única sirva tamén para dar resposta ás necesidades que vai ter este barrio durante as próximas décadas”, explicou.

Neste sentido, advertiu de que limitar agora a cesión ao espazo necesario para o centro sanitario e decidir posteriormente que facer co resto supón rebaixar o plantexamento que tanto a propia Candia como o anterior Goberno municipal defenderan.

O Sagrado Corazón presenta actualmente unha poboación envellecida, con importantes necesidades sociais e asistenciais, pero é tamén unha das zonas da cidade con maior capacidade de crecemento pola chegada da intermodal e polos desenvolvementos residenciais previstos na súa contorna.

“Sabemos que necesitaremos máis servizos. Falamos dunha escola infantil, dun centro sociocultural, dun centro de día e dos equipamentos que poidan ser necesarios. Temos agora o solo e temos a oportunidade de planificalos. O que non sería responsable é renunciar á ambición e descubrir dentro de dez ou vinte anos que necesitamos aquilo para o que hoxe tiñamos espazo”, advertiu.

Fernández defendeu que o obxectivo debe ser reproducir no Sagrado Corazón unha planificación similar á desenvolvida na antiga Residencia, aproveitando unha gran bolsa de solo público para dimensionar servizos que dean resposta ás necesidades presentes e futuras.

“Agora é cando toca defender a cidade”

O portavoz socialista considera que Candia ten agora a oportunidade de demostrar desde a Alcaldía que mantén os compromisos que adquiriu ante a veciñanza e que antepón os intereses de Lugo á relación política coa Administración autonómica.

“Cando estaba na oposición pedíalle á Xunta que asumise toda a parcela. Agora que é alcaldesa non pode conformarse con menos. Ao contrario: agora é cando ten máis responsabilidade para reivindicar, negociar e defender a súa cidade”, afirmou.

Fernández reiterou que os socialistas non pretenden abrir unha disputa sobre quen pode atribuírse cada paso dado, senón evitar que Lugo perda parte do que xa conseguira.

“Todo o traballo está feito para poder ser ambiciosos: o Concello ten os terreos, o centro de saúde ten ubicación e existe un compromiso público da Xunta sobre toda a parcela. Candia non ten que empezar de cero. Só ten que defender como alcaldesa aquilo que ela mesma prometía na oposición. Se o fai, terá todo o noso apoio, porque aquí o importante é que gañen o Sagrado Corazón e Lugo”, concluíu.

Comparte este artigo