Miguel Fernández esixirá ao Goberno local que reclame á Xunta unha nova residencia pública de maiores para Lugo

Redacción

O portavoz socialista denuncia que a cidade só conta con arredor de 272 prazas públicas para unha poboación de máis de 100.000 habitantes

Fernández advirte de que Candia non pode limitarse a celebrar investimentos privados e debe defender diante do seu propio partido a creación de novos servizos públicos

“Lugo necesita máis prazas públicas de residencia e unha alcaldesa que reclame á Xunta o que corresponde, non que confunda unha licenza urbanística cunha política de maiores”

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, anunciou que esixirá formalmente ao Goberno de Elena Candia que defenda diante da Xunta de Galicia a necesidade de construír e poñer en funcionamento unha nova residencia pública de maiores na cidade de Lugo, adecuada ás necesidades dunha poboación de máis de 100.000 habitantes e á realidade dun territorio cada vez máis envellecido.

Fernández trasladará esta reclamación a través dunha iniciativa no Concello de Lugo, na que se instará tanto ao Goberno municipal como á Xunta de Galicia a asumir as súas responsabilidades e impulsar unha nova infraestrutura residencial de titularidade pública. “Lugo precisa máis prazas públicas para os seus maiores. Non podemos seguir conformándonos cunha rede claramente insuficiente nin aceptar que a atención residencial dependa exclusivamente da capacidade económica de cada familia”, afirmou.

O portavoz socialista lembrou que actualmente a cidade conta unicamente con dúas residencias públicas, a das Gándaras e a da Milagrosa, que suman arredor de 272 prazas. “Ducentas setenta e dúas prazas para unha cidade de máis de cen mil habitantes. Calquera análise minimamente rigorosa evidencia que esta cifra é insuficiente e que Lugo necesita, con urxencia, ampliar a súa oferta residencial pública”, sinalou.

Miguel Fernández advertiu de que o progresivo envellecemento da poboación esixe unha planificación a medio e longo prazo dos servizos sociais que non se está realzair en Lugo por parte do Goberno auntómico desde hace máis dunha década. “A Xunta leva máis de 16 anos sen crear prazas públicas no noso municipio. Non se trata só de responder ás necesidades de hoxe. Temos que anticiparnos ás necesidades das próximas décadas e garantir que as persoas maiores de Lugo dispoñan dunha alternativa pública, digna, accesible e de calidade”, explicou Fernández quen considera que hai un agravio comparativo co resto de territorios de Galicia nesta materia.

Así, o socialista criticou que o Goberno de Elena Candia presentase como un logro propio a concesión dunha licenza para a construción dunha residencia privada no barrio de Recatelo. “Saudamos calquera investimento que xere actividade económica, emprego e servizos na cidade. Pero hai que chamar ás cousas polo seu nome: unha licenza urbanística concedida cando existen todos os informes favorables é un trámite administrativo regrado, non unha decisión política nin unha conquista deste Goberno”, afirmou.

Para Fernández, o verdadeiro compromiso cunha política pública de atención ás persoas maiores non se mide polas fotografías diante de proxectos privados, senón pola capacidade de reclamar ás administracións competentes os equipamentos que Lugo necesita. “As residencias privadas son unha opción para quen queira e poida pagalas. Pero non poden substituír a responsabilidade da Xunta de Galicia de garantir unha rede pública suficiente”, subliñou.
O portavoz socialista lembrou que, segundo establece a Lei 13/2008, de Servizos Sociais de Galicia, a competencia en materia de residencias públicas de maiores corresponde á Xunta. “A alcaldesa de Lugo pertence ao mesmo partido que goberna Galicia. Polo tanto, ten unha oportunidade e tamén unha responsabilidade: reclamar ao seu propio Goberno autonómico que constrúa unha nova residencia pública na cidade”, indicou.

Fernández considera especialmente preocupante que Candia non estea exercendo esa defensa dos intereses de Lugo. “É máis cómodo cortar unha cinta nun proxecto privado que esixirlle á Xunta un investimento público. Pero unha alcaldesa non está para escoller o camiño máis cómodo, senón para defender as necesidades da cidadanía, mesmo cando iso implique reclamar ao seu propio partido”, denunciou.
A iniciativa socialista tamén reclama que a Xunta proxecte, constrúa e poña en funcionamento unha nova residencia pública dimensionada para a realidade demográfica de Lugo, así como que o Concello realice unha defensa formal e pública desta demanda ante a Presidencia da Xunta, a Consellería de Política Social e os grupos políticos do Parlamento de Galicia.
“Lugo non pode seguir á cola en prazas públicas de residencia. Necesitamos planificación, investimento e compromiso institucional. E necesitamos que a alcaldesa deixe de presentar como política social o que son simplemente trámites administrativos ou investimentos privados”, afirmou Miguel Fernández.

Finalmente, o portavoz socialista insistiu en que a cidade debe contar cunha rede de atención ás persoas maiores que combine servizos residenciais, centros de día, atención domiciliaria e equipamentos de proximidade. “O que está en xogo é o dereito das persoas maiores a vivir con dignidade e o dereito das familias a contar con alternativas públicas. Lugo merece máis prazas públicas, máis servizos e unha alcaldesa que defenda a cidade diante da Xunta. Iso é o que imos esixir formalmente”, concluíu.

Comparte este artigo