Grandes nomes do indie español vibrarán en Lugo cun novo Caudal Fest patrocinado pola Deputación

Redacción

– O deputado provincial Miguel Fernández destacou na presentación do evento o apoio da institución provincial “desde o primeiro momento” e recordou que este ano a partida aumenta nun 60% chegando ata os 80.000€

– Lori Meyers, Xoel López, Siloé ou Ultraligera son algúns dos nomes que se inclúen no cartel deste ano. As últimas entradas dispoñibles poden adquirirse na web https://www.caudalfest.es/entradas/

O deputado de formación, ensino e economía do coñecemento, Miguel Fernández, participou este mércores na presentación da oitava edición do Caudal Fest, que se celebrará esta fin de semana nos xardíns do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. O evento, que reunirá a unhas 50.000 persoas, inclúe actuacións de artistas galegos como Ortiga; ou grandes nomes do panorama nacional como Ultraligera ou Lori Meyers. As persoas interesadas en adquirir algunha das últimas entradas dispoñibles poden realizalo a través da web oficial https://www.caudalfest.es/entradas/.

O deputado provincial recordou que a institución provincial apoiou este evento -de referencia en Galicia, “desde o primeiro momento” e destacou o incremento do patrocinio ata os 80.000€ “un 60% máis que en edicións anteriores”. Nesta liña, sinalou que “este aumento responde á nosa vontade de seguir apoiando iniciativas que contribúan á promoción da provincia, á chegada de visitantes e á xeración de actividade económica”. Así mesmo, Fernández recordou que foi Lara Méndez como alcaldesa “quen apostou por dar a Lugo un gran festival” unha cuestión que “seguimos impulsando os sucesivos gobernos municipais”.

O mellor do indie para despedir o verán

Case unha vintena de grupos actuarán nesta edición do Caudal Fest que comezará o venres 19 ás 17:00 horas con No quiero. De seguido, subirán ao escenario Besmaya, Anni B Sweet, Inazio, Xoel López, Pignoise, Lori Meyers, Barry B, Sanguijuelas del Guadiana e rematará Ortiga.

O sábado será a quenda de Tere!, encargada de abrir a segunda xornada, que contará tamén coas actuacións de Leire Martínez, O caimán do Río Tera, Carlos Ares, Veintiuno, Siloé, Sexy Zebras e Ultraligera, antes de pechar por todo o alto con La La Love You.

Comparte este artigo