O voceiro do BNG critica que en tres anos e medio o goberno provincial se limitase practicamente a repartir subvencións sen avanzar tampouco nas transferencias á Xunta
O voceiro do BNG na Deputación de Pontevedra César Mosquera cuestionou hoxe duramente no Pleno de orzamentos a xestión do goberno provincial do PP durante os seus tres anos e medio de mandato. O nacionalista subliñou tivo á súa disposición case 1.100 millóns de euros, con máis recursos procedentes das transferencias do Estado, pero non aproveitou esa capacidade económica para impulsar grandes plans, executar obras relevantes ou avanzar na racionalización da administración provincial. Pola contra, segundo denunciou, discriminou a Pontevedra e Vigo e a actividade provincial quedou practicamente reducida ao reparto de subvencións.
Mosquera puxo como exemplo das decisións do actual goberno a eliminación de programas estratéxicos como o Revitaliza, centrado na compostaxe, e o Ágora, destinado a promover unha mobilidade máis segura e sostible. No caso do Revitaliza advertiu de que a súa desaparición deixa os concellos nunha situación moi complicada para cumprir as obrigas da normativa europea de residuos e sinalou que, agás Mondariz Balneario, ningún municipio da provincia está en condicións de chegar a eses obxectivos, co risco de sancións cada vez máis próximo.
En relación co Ágora, o voceiro nacionalista referiuse ao aumento dos accidentes de tráfico, das persoas falecidas nas estradas e do prezo dos seguros na provincia. “Era por Ágora? Non só, pero había unha mensaxe clara”, apuntou, en referencia á necesidade de deseñar as infraestruturas provinciais pensando tamén na seguridade viaria. Mosquera mencionou igualmente os recortes en áreas como Memoria e Igualdade, ámbitos que, segundo dixo, “lles dan sarpullido”.
O deputado do BNG preguntou ironicamente se a eliminación destes programas permitiu destinar os recursos a outras actuacións, pero a realidade, afirmou, é que tampouco houbo grandes plans nin grandes obras. “Ningún”, sentenzou. Lembrou que nin sequera se avanzou en proxectos que xa estaban en marcha e tiñan prazos, como os edificios centrais do Museo ou Santa Clara. “Salvo o pago á Xunta do Cine Fraga de Vigo, non se ve ningún nin se verá”, asegurou. Tamén chamou a atención sobre as poucas obras realizadas nas estradas provinciais e dubidou de que o goberno poida executar nos seis meses que restan de mandato todo o que non foi quen de sacar adiante até agora.
Mosquera cuestionou tamén que, sen grandes proxectos en marcha, o goberno provincial non aproveitase estes anos para avanzar na racionalización da Deputación e na transferencia de instalacións e servizos á Xunta. Considerou que, ao gobernar ambas as administracións a mesma formación política, cabería esperar máis facilidades para chegar a acordos, pero non se produciu ningún avance significativo.
Lembrou que en mandatos anteriores si se realizaron transferencias como as da ponte de Ponte Arnelas, o Pazo de Lourizán ou a Escola de Canteiría. E citou outras oportunidades nas que se podería ter avanzado, como a ponte de Catoira, entre as provincias de Pontevedra e A Coruña, ou a cesión de instalacións como Príncipe Felipe, Areeiro e Mouriscade. “Non sabemos nada, nin está nin se espera”, volveu resumir.
Fondos para Pontevedra e Vigo
Outro dos puntos nos que Mosquera fixo especial fincapé foi no que considera un trato discriminatorio cara a Pontevedra e Vigo. O voceiro nacionalista asegurou que os datos ofrecidos polo goberno provincial non son correctos e lembrou que Pontevedra recibía 3,25 millóns de euros no mandato anterior, e non os 2,5 millóns que sostén o PP. Volveu subliñar que neste mandato non se actualizou esa cantidade nin conforme ao IPC nin en termos de equivalencia coas transferencias que reciben outros concellos.
Mosquera cualificou de “delirante” que o goberno provincial afirme que Pontevedra recibe 43 millóns de euros e, ao mesmo tempo, cifre en 16,7 millóns os fondos destinados a Vigo. “Quen pode ser tan obtuso dicindo que Pontevedra leva 43 e Vigo case 17? Estanlle a facer a campaña ao alcalde ou a tirar tiros no pé á súa candidata de Vigo? Dicir iso é mentir. É unha mentira, unha hipérbole mentireira”, afirmou.
Para explicar que esas cantidades non se corresponden coa realidade, recorreu ás propias contas da Deputación. Indicou que o capítulo 7, correspondente aos investimentos, suma arredor de 62 millóns de euros. Se Pontevedra e Vigo recibisen conxuntamente os 60 millóns que resultan de sumar as cantidades difundidas polo PP, apenas quedaría marxe para o resto da provincia, destacou. Tamén puxo como exemplo o capítulo de Cooperación, que conta cun orzamento de 81 millóns de euros. “Se se descontan os 60 de Pontevedra e Vigo, quedarían 21 para o resto dos concellos”, reflexionou. “Teñen que escoitar críticas e levar un capón con toda a base”, concluíu.
Porén, Mosquera sinalou que o que si fixo o goberno provincial foi incrementar as subvencións, con subas que se sitúan entre o 10 e o 20%. Un aumento que, ao seu xuízo, non compensa a desaparición de programas estratéxicos nin a falta de actuacións transformadoras para o conxunto da provincia. Así, resumiu estes tres anos e medio cun balance no que houbo máis recursos dispoñibles, pero ningún proxecto nin plan de substancia.

