O adro de Santa María estrea escultura. 2duendes, ou o que é o mesmo, o artista local Carlos García, coa colaboración de Marina Goti, vén de converter os restos dunha das acacias centenarias, situadas xunto a igrexa parroquial, nunha auténtica obra de arte. A talla, finalizada onte á tardiña, engade atractivo a este espazo público, situado en pleno Camiño Inglés.
A ruta xacobea ao seu paso por Neda conta dende xa cun novo elemento de interese. Unha homenaxe, tallada en madeira, aos milleiros de peregrinos e peregrinas que atravesan cada ano a vila en dirección a Compostela. Un tributo que se suma ao realizado hai un lustro no adro de San Nicolás coa escultura do romeiro e o seu can, creada a partir dunha araucaria cortada.
Sen dúbida, este novo reclamo -un agasallo á veciñanza deste artesán da pedra e da madeira, ademais de recoñecido muralista- atraerá miradas, e será inmortalizado nos selfies dos visitantes. Competirá con outras das obras de 2duendes na localidade (a escultura dedicada ao pan de Neda, a citada de San Nicolás, ou os murais da praza do Concello e da escola infantil).
Esta creación, situada xunto ao cruceiro de Santa María, converteuse en obxecto de todas as miradas durante as festas pero, como aclaraba o seu autor nas súas redes sociais, daquela aínda gardaba segredos por descubrir. Elementos extra como a pequena talla da virxe ou a nena que coroa a escultura que, sen dúbida, engaden espectacularidade ao conxunto.
O traballo forma parte das intervencións artísticas encargadas polo Concello de Neda a García Romero para embelecer distintos espazos públicos da localidade, dando nova vida a natureza morta. Obras que, pouco a pouco, aportarán singularidade aos seus emprazamentos.

