A nova mobilidade de Santiago segue tomando forma: presentadas a sintonía e o mapa de liñas do servizo de transporte

Redacción

O Concello de Santiago segue dando pasos cara a implantación do novo servizo de transporte, a mediados do mes de decembro. O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, presentou hoxe a sintonía que se escoitará nos autobuses, obra do músico Abe Rábade; e o novo mapa infográfico de liñas, elaborado polo estudo Desescribir. O edil explicou que se trata de dous elementos “que serán fundamentais para a identidade do servizo de transporte e sobre todo para facilitar o seu uso por parte dos veciños e veciñas”.

O concelleiro de Mobilidade explicou que o Concello “quere facilitar a transición ao novo servizo de transporte, e iso pasa porque exista o maior coñecemento posible sobre como será o seu funcionamento”. Xan Duro explicou que ese é o obxectivo do mapa infográfico de liñas presentado hoxe, un traballo do estudo Desescribir que partiu da premisa de “trasladar ao papel o reto co que deseñamos a nova rede de transporte tal e como se incluiu nos pregos da licitación: simplificar as rutas, evitar solapamentos, e ampliar a cobertura territorial”. O mapa recolle as 10 liñas de orixe-destino do novo servizo de transporte, as seis liñas circulares, e as tres liñas alimentadoras do rural; e dá conta das súas precuencias, prolongacións, e cales serán as rutas que terán horario nocturno.

O concelleiro explicou que o mapa infográfico “está pensado para ser un elemento de primeiro achegamento ao servizo, que despois se complementará con outras vías de información, fundamentalmente a nova App”. Nese sentido, insistiu en que no mapa non se recollen todas as paradas do servizo, que serán unhas 750, senón os puntos máis referenciais polos que discorren as diferentes liñas.

Suso Vázquez, do estudo Desescribir, explicou que o seu traballo “partiu da idea de fixar unha imaxe da cidade no tempo, pero nun contexto no que a maioría das usuarias se informarán a través da APP de maneira que non é preciso incluir todas as paradas nun espazo reducido”. Pola contra, apuntou, no mapa evidénciase que “o núcleo central da rede de transporte segue sendo a zona histórica, móstrase a maior cobertura territorial do servizo, e as novidades do contrato como as liñas alimentadoras do rural”. Vázquez recoñeceu o reto que supuxo trasladar as liñas ao papel, e facelo de maneira que fora lexible e achegar información complementaria como a que ten que ver coas posibilidades de trasbordos entre as diferentes rutas.

Nova sintonía

Xunto co mapa de liñas, hoxe presentouse tamén a sintonía que se escoitará nos autobuses, e que acompañará a información sobre as diferentes paradas. O concelleiro de Mobilidade insistiu en que “esta proposta non é un adorno ou unha cuestión menor, senón un elemento estratéxico por cuestións emocionais e operativas”. Nese sentido, explicou que a sintonía será un elemento máis da identidade de marca de Stela, convertirase dalgunha maneira nun símbolo de Santiago, pero ademais é un elemento fundamental para as usuarias con discapacidades visuais, con outras diversidades e mesmo para calquera persoa que viaxa no autobús coa permanente distración do móbil”.

A sintonía é obra do músico compostelán Abe Rábade, que explicou que a peza parte dun tema seu de 2008 dedicado a Santiago, que foi reinterpretado “seguindo unha liña retro, en consonancia co que se intentou facer a través da imaxe de Stela e coa decisión de recuperar a cor azul dos antigos autobuses urbanos”. O artista recoñeceu que foi “un enorme reto facer unha composición tan breve co obxectivo de que estivera cargada de simboloxía e ao mesmo tempo que non fora cargante, pensando fundamentalmente nos conductores e conductoras que terán que escoitar esta música moitas veces ao longo do día.

Comparte este artigo