Francisco Diéguez: ‘’Ao profesorado non nos fai falta que nos vixíen máis; necesitamos que nos respecten máis. Se a Xunta quere recuperar a nosa autoridade, que empece por respaldarnos. E se quere mellorar a educación pública, que empece por escoitar a quen estamos cada día dentro das aulas”
“E advertímolo con absoluta claridade: se esta deriva continúa e algunha actuación da Xunta traspasa os límites da legalidade e puidese chegar a ser constitutiva de delito, estaremos aí. Non nos tremerá o pulso para acudir aos tribunais e defender os dereitos, a liberdade e a dignidade do profesorado galego.”
Francisco Diéguez proporá reunións cos sindicatos educativos e reclama unha resposta firme ante as últimas actuacións e declaracións da Consellería de Educación.
Avante Ourense amosa a súa preocupación ante a liña que está a seguir a Xunta de Galicia respecto do profesorado, especialmente tras o debate arredor da denominada “neutralidade ideolóxica” e as recentes declaracións do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciando un plan para avaliar e realizar un seguimento das baixas médicas do persoal docente.
Para o coordinador de Avante Ourense e mestre de Educación Primaria, Fran Diéguez, ambas as cuestións obrigan a preguntarse ata onde pretende chegar a Consellería cando están en xogo a liberdade de cátedra, a autonomía profesional e os dereitos laborais do profesorado.
Avante Ourense considera especialmente preocupante que, mentres os centros reclaman un maior respaldo ante a perda de autoridade docente, os problemas de convivencia, as agresións ou o cuestionamento constante das súas decisións, sexa a propia Administración a que abra novos debates que volven poñer o foco sobre o profesorado.
Respecto do anunciado seguimento das baixas, Avante Ourense esixirá coñecer quen realizará esas avaliacións, con que competencias e baixo que criterios. “Unha baixa médica non lla concede un profesor a si mesmo. Determínaa un profesional sanitario e xa existen mecanismos legais de control. Non aceptaremos que se converta o docente enfermo nun sospeitoso”, sinala Diéguez.
Ante esta situación, o coordinador de Avante Ourense proporá reunións coas organizacións sindicais representativas do profesorado galego para escoitar as súas posicións e estudar posibles actuacións. “Os sindicatos que defenden os dereitos do profesorado terán o noso apoio. Queremos escoitalos, reunirnos con eles e poñernos á súa disposición”.
Avante Ourense fai tamén un chamamento ao conxunto do profesorado galego para permanecer unido ante calquera actuación que poida menoscabar a súa autoridade, independencia profesional ou liberdade de cátedra.
A organización reclama que a Xunta centre os seus esforzos en respaldar o profesorado, protexelo fronte ás agresións, respectar as súas decisións profesionais, reducir a burocracia e garantir recursos suficientes nos centros educativos.

