Gonzalo Jácome asistiu aos actos do 77º aniversario da fundación do país asiático: “unha xornada frutífera desde o minuto un”, onte en Madrid
Empresarios chineses visitarán a cidade o vindeiro mes de outubro, interesados por coñecer produtos locais
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o tenente de alcalde, Aníbal Pereira, participaron no día de onte na recepción oficial organizada en Madrid polo embaixador da República Popular China en España, Jing Yao, con motivo do 77º aniversario da fundación do país asiático.
A representación municipal atendeu así ao convite do embaixador nunha xuntanza que reuniu centos de convidados, entre os que figuraban representantes de entidades e corporacións orientais de sectores estratéxicos como o turismo, a tecnoloxía ou a alimentación.
O rexedor cualificou a xornada como “frutífera desde o minuto un” e salientou a relevancia das vías de contacto abertas con representantes da comunidade oriental e investidores que valoran a posibilidade de adquirir produtos ourensáns para a súa exportación.
Como resultado deste encontro, Pérez Jácome avanzou que empresarios do país asiático desprazaranse á cidade de Ourense no vindeiro mes de outubro: “van visitar varias empresas ourensás da nosa man. É xente á que lle falamos das nosas empresas nesta xuntanza e nos dixeron que queren vir visitalas. Desde alí mesmo contactei con empresas de Ourense para dicirlles que terán unha cita en outubro”.
Atención especial polo sector agroalimentario
O sector que máis interese espertou entre os empresarios chineses foi o agroalimentario. Tal e como explicou o rexedor, “están interesados en todos os produtos agropecuarios de Ourense. Curiosamente, agás o viño, porque din que existe agora mesmo unha saturación de viño estranxeiro en China. Pero dixémoslles que neste caso terán que facer unha excepción: o Ribeiro é o mellor branco do mundo e van vir coñecelo. Ademais, temos catro denominacións de orixe na nosa provincia que son magníficas”.
A segunda maior economía mundial
Esta liña de contactos busca abrir portas ao tecido produtivo local nunha das principais potencias económicas do mundo. Con 1.405,45 millóns de habitantes e un PIB de 18,32 billóns de euros, a República Popular China figura como a segunda maior economía mundial e un mercado de extraordinario potencial que suma 2,41 billóns de euros en importacións anuais.

