Organizará un concerto benéfico no Liceo o 23 de outubro cuxa recadación se destinará á loita contra a polio
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e as concelleiras de Asuntos Sociais, Tamara Silva, e Artes e Festexos, Noa Rouco, recibiron esta mañá no salón de plenos o gobernador do distrito 2026-2027 de Rotary, Joaquín Sánchez Cots, que durante o día de hoxe realiza unha visita oficial á cidade. Na recepción participaron tamén a presidenta do Rotary Club de Ourense, Mari Cruz Pérez, e a súa xunta directiva.
O encontro serviu para reforzar os lazos de cooperación entre o Concello e a organización solidaria, ademais de pór en valor as iniciativas sociais que o colectivo desenvolve en prol da cidadanía. Ao remate da reunión, Sánchez Cots destacou a estreita vinculación histórica da entidade coa cidade. Rotary, explicou, “é unha asociación que se dedica a axudar as persoas e as situacións máis precarias que atopamos na contorna”, e citou como exemplo a campaña internacional PolioPlus, “coa que levamos desde o ano 1985 intentando eliminar a poliomielite do mundo”.
Pola súa banda, a directiva do Rotary Club de Ourense lembrou algunhas das súas actuacións máis recentes, como o plan para dotar a capital de espazos cardioprotexidos mediante a instalación dun desfibrilador no Liceo, financiado coa súa gala anual.
Entre os vindeiros proxectos destaca o concerto benéfico que organizará o día 23 de outubro no Liceo a cargo da Agrupación Musical da Limia, cuxa recadación se destinará á loita contra a polio. Tamén levará a cabo cursos de formación no manexo de desfibriladores e traballa coa vontade de instalar proximamente novos dispositivos de cardioprotección en Ourense. Ademais, presentará unha proposta para emprazar un monumento rotario na cidade.

