A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense tratará 26 asuntos na súa sesión ordinaria desta semana

Redacción

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense reunirase mañá xoves, 24 de setembro, ás 13.30 horas, no salón de plenos para desenvolver a súa sesión ordinaria desta semana. A orde do día inclúe 26 propostas de acordo presentadas polos servizos de Licenzas, Aperturas, Patrimonio, Contratación, Artes e festexos, Avogacía consistorial e Asesoría xurídica.

Licenzas e aperturas (6). Analizará as solicitudes de licenzas de obra para os proxectos de construción de dúas vivendas unifamiliares na estrada de Velle e no Camiño do Muíño (Seixalbo), para a rehabilitación doutra na rúa do Medio (Cabeza de Vaca); e para a construción dunha nave industrial en Outariz, destinada a un novo sistema para a reutilización e diminución sostible de plásticos. Tamén rectificará 2 acordos aprobados nunha sesión anterior.

Patrimonio (3). Resolverá 2 reclamacións de responsabilidade patrimonial e declarará a titularidade municipal dunha franxa de terreo entre o Parque dos Remedios e a rúa Avilés de Taramancos.

Contratación (3). Aprobará, se procede, a adxudicación do contrato das obras do proxecto de humanización e mobilidade vertical na contorna da rúa Rampa de Sas, e a prórroga do contrato dos servizos de acceso a internet de banda ancha para o edificio de La Molinera. Tamén prevé autorizar á convalidación da función interventora na adxudicación do contrato mixto das subministracións e servizos integrantes das actuacións necesarias para a implantación dos sistemas de control de tráfico da Zona de Baixas Emisións.

Artes e festexos (1). Dará o visto e prace ás bases do procedemento para outorgar a autorización demanial, en réxime de concorrencia, para instalar e explotar unha barra de bar durante a celebración do Halloween 2026 en Ourense.

Avogacía consistorial e asesoría xurídica (13). Dará conta de 4 providencias ditadas polo Tribunal Supremo e de 4 sentenzas (3 dos tribunais de instancia da Sección do Contencioso-Administrativo, prazas número 1 e 2 de Ourense e 1 da Audiencia Nacional). Tamén será informada de que o Concello foi emprazado para comparecer e personarse en calidade de demandado diante dos tribunais do contencioso-administrativo de Ourense en 5 procedementos (3 abreviados e 2 ordinarios).

Comparte este artigo