Os nacionalistas xa mantiveron conversas co propietario deste terreo, que se atopa nas proximidades do cemiterio parroquial, sendo un emprazamento estratéxico para poder dar resposta a unha eiva histórica da vila
O Bloque presentará no vindeiro Pleno unha moción defendendo esta actuación, para a cal sería necesaria unha modificación puntual do PXOM
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo presentará unha moción no Pleno ordinario do vindeiro luns, 28 de setembro, na que propón ao Goberno local do PP a adquisición dunha parcela para a creación dun aparcamento público na parroquia de Noalla. Concretamente, trátase dun terreo que se sitúa nas proximidades do cemiterio da localidade, e cuxa persoa propietaria xa trasladou a súa predisposición a negociar unha posible venta ao Concello, logo de conversacións mantidas co responsable local do Bloque, Adrián González. O edil, acompañado polo voceiro, Octavio González Fernández, visitou estes días o emprazamento, que os nacionalistas consideran axeitado para acoller prazas para aparcar, o que serviría para poñer fin a unha carencia existente na zona.
Tal e como lembran desde o grupo da oposición, Noalla “conta cunha importante actividade social, lúdica, cultural e festiva ao longo de todo o ano”. Eventos como as festas, o Bosque de Nadal ou a asistencia a funerais no cemiterio parroquial fan que, en moitas ocasións, nesta zona non existan espazos suficientes para garantir o estacionamiento.
Esta eiva leva a moita xente a estacionar os seus vehículos nas marxes de vías ou en lugares que poden dificultar a circulación e os accesos, ademais de supoñer un risco para a seguridade dos e das viandantes. A parcela que propón o BNG para habilitar un novo aparcamento público ten unha extensión de 3.000 metros cadrados. “Estamos a falar dunha localización axeitada, nun punto estratéxico para Noalla”, apunta Adrián González, que incide na boa predisposición do propietario para negociar. O propio edil deixou claro que “desde o BNG estamos dispostos a colaborar en todo o que sexa necesario para que, no caso de que se acepte esta proposta, poida facerse realidade”. A nivel económico, no Bloque entenden que o custe para o Concello sería asumible, máxime tendo en conta os investimentos que se están a facer na adquisición doutras infraestruturas de maior envergadura.
No apartado urbanístico, os nacionalistas apuntan que a parcela está clasificada como solo urbanizable non sectorizado, polo que para a implantación dun aparcadoiro disuasorio de carácter permanente sería necesario tramitar unha modificación puntual do PXOM. A moción que defenderá o BNG na sesión plenaria inclúe unha petición ao Goberno local para que faga as tramitacións pertinentes e xestione a compra da
parcela, de cara a elaborar un proxecto que garante as condicións axeitadas na zona en materia de accesibilidade, seguridade, iluminación, drenaxe e integración na contorna. No documento tamén se insta ao Concello a que dote a esta actuación de partida orzamentaria, buscando tamén posibles vías de financiamento ou de subvencións por parte doutras administracións públicas.
Por último, o BNG tamén entende que é necesario informar á veciñanza de Noalla dos avances producidos na adquisición da parcela e na planificiación do futuro aparcadoiro, así como de dar traslado do acordó ás asociación veciñais e entidades sociais da parroquia.

