Telmo Martín impide o debate das mocións presentadas polo BNG

Redacción

Os nacionalistas lamentan a actitude ditatorial do alcalde, quen tampouco deixou claro que medidas vai adoptar para evitar que se repitan situacións na Policía Local como a que levou ao seu xefe a ter unha sentencia xudicial en contra por uso indebido de insignia, o que constitúe un delicto leve e que atenta contra a imaxe e a reputación do corpo de seguridade

O Partido Popular impediu que se debatise sobre a repesa do Umia e unha proposta para dotar de aparcadoiro público á parroquia de Noalla

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo aproveitou a quenda de rogos e preguntas do Pleno ordinario deste luns para instar ao alcalde a que aclare que medidas vai tomar o Goberno local sobre a sentenza que o Xulgado de Instrucción número 2 de Pontevedra emitiu contra o xefe da Policía Local, por un delicto leve de uso indebido de insignia. A resolución fíxose pública hai unhas semanas, polo que o Bloque entende que o Concello debe deixar claro cal será a liña a seguir, a fin de evitar que esta situación afecte de xeito negativo á imaxe do corpo de seguridade.

A concelleira Estrella Martínez foi a encargada de preguntar a Telmo Martín sobre este asunto, sinalando que “unha sentenza coma esta pode facer mella na reputación da nosa Policía Local”, ao tempo que sinalou a necesidade de que se evite que se repita unha situación deste tipo. O Bloque salienta que o propio rexedor do Partido Popular recoñeceu que non lle gustou que se producisen eses feitos e que pediu explicacións, pero non aclarou nada máis ao respecto.

Por outra banda, o BNG tamén lamenta a actitude ditatorial adoptada polo Goberno do PP contra o noso grupo, ao impedir o debate das dúas mocións presentadas. Unha versaba sobre a problemática da repesa do
río Umia e outra consistía nunha proposta construtiva para habilitar un aparcadoiro permanente nas inmediacións do cemiterio parroquial de Noalla. Ningunha destas cuestións puido tratarse, ao votar o Partido Popular en contra do seu debate. Unha situación que non se produciu coas mocións que presentou o PSdeG-PSOE. “Estamos afeitos a que o señor Martín vote en contra de calquera proposta ou iniciativa que presente o BNG, pero o que nos parece lamentable é que trate de silenciarnos”, reprochan os nacionalistas, que lembran o labor construtivo que realizan desde a oposición e que, precisamente, facilitou que se levasen a cabo varias obras e proxectos que foron propostas inicialmente polo Bloque durante o que levamos de mandato.

Os nacionalistas tamén apostaron por absterse na votación da proposta de Alcaldía para asumir a xestión directa, por parte do Concello, da recollida do lixo. O voceiro do BNG, Octavio González, incide na importancia de que a Administración local asuma estes traballos, pero lembra “o fracaso rotundo do Partido Popular nesta materia. Non hai máis que ver o abandono absoluto no que se atopa o rural”, apuntou, ao tempo que esixiou accións por parte do Goberno municipal en materia de campañas informativas e educativas para toda a veciñanza.
“A limpeza ten que ser o buque insignia dun bo Goberno, algo que o Partido Popular foi incapaz de facer”, criticou. González tamén solicitou partidas específicas para garantir a limpeza viaria periódica nas parroquias durante todo o ano.

Comparte este artigo