O pleno aproba por unanimidade a defensa de Mos ante o trazado da liña eléctrica de 220 KV

Redacción

A moción presentada polo PP reclama estudar as alternativas propostas por Mos, soterrar o tramo aéreo previsto e modificar o trazado na zona de Sanguiñeda

O Pleno do Concello de Mos aprobou por unanimidade a moción presentada polo grupo municipal do Partido Popular ante o proxecto da nova liña de transporte eléctrico de 220 kV e da subestación Bateas, promovidos por Rede Eléctrica.

O Concello de Mos deixa claro que non se opón á infraestrutura nin á transición enerxética, pero considera necesario avanzar cara a unha solución que reduza as afeccións sobre os veciños e o territorio de Mos.

Neste sentido, o Concello de Mos mantivo recentemente unha reunión coa Xunta de Galicia (coas consellerías de Medio Ambiente e Industria), para abordar a situación do proxecto. Segundo trasladou a alcaldesa, a Xunta mostrou disposición a exercer de interlocutora e mediar para avanzar cara a unha proposta máis coherente coas necesidades do territorio.

O Concello está cumprindo coas actuacións que lle corresponden dentro da tramitación e xa presentou un informe previo de alegacións que se centran en reducir as afeccións do proxecto sobre o territorio e os veciños de Mos. O Concello reclama que se estuden alternativas que non foron contempladas no proxecto, especialmente nos tramos soterrados, e propón modificar o trazado para aproveitar, na medida do posible, vías xa existentes.

A alcaldesa de Mos defendeu que a posición municipal pasa por buscar unha solución que permita compatibilizar a necesidade da infraestrutura coa protección dos veciños e do territorio. “Mos non se opón á infraestrutura nin á transición enerxética. O que dicimos é que temos que avanzar e buscar unha proposta máis coherente co territorio de Mos, que reduza as afeccións aos nosos vecinos”.

A rexedora destacou a importancia da reunión mantida coa Xunta: “Desde Mos estamos facendo todo o que nos corresponde: reunímonos coas administracións, falamos con Rede Eléctrica, seguimos escoitando aos colectivos afectados e traballamos nas nosas alegacións e alternativas”.

A alcaldesa insistiu en que o Concello quere continuar traballando para alcanzar un acordo: “Queremos avanzar. A infraestrutura é necesaria, pero tamén é necesario que se estude como facela compatible co territorio. Se todos temos vontade de buscar unha solución, hai marxe para mellorar a proposta actual”.

Finalmente, a rexedora reclamou que Mos teña o mesmo nivel de interlocución que o resto dos territorios afectados: “Pedimos que se escoite a Mos, que se estuden as alternativas que propuxemos e que se busque entre todos unha solución máis equilibrada”.

Reunión aberta á veciñanza

Por outra banda, o día 1 de outubro celebrarase no Centro Cultural Os Castros de Pereiras una asamblea aberta á veciñanza convocada pola Comunidade de Montes de Pereiras para explicar o proxecto da liña de alta tensión e para escoitar a postura dos técnicos e especialista así como as súas valoracións sobre dito proxecto.

Proximamente tamén se celebrará unha reunión veciñal en Sanguiñeda.

Comparte este artigo