A vila do Condado vive a súa xornada principal cunha programación que combina fe, os emblemáticos aeróstatos de papel, obradoiros infantís e as actuacións das orquestras
O Concello de Ponteareas atópase listo para celebrar mañá, martes 29 de setembro, o día grande das súas Festas de San Miguel. Ao tratarse da xornada de festivo local, espérase unha afluencia masiva de veciños e visitantes no corazón da vila para gozar dun rito secular que define a identidade cultural da comarca.
O momento máis agardado e emblemático da xornada terá lugar ás 13:30 horas na Praza de Bugallal, onde se procederá ao espectacular lanzamento dos globos artesáns de San Miguel. Estes enxeños de papel, confeccionados a man grazas ao relevo xeracional que se promove desde os obradoiros previos, elevaranse para tinguir o ceo ponteareán de cor nun acto que simboliza o orgullo e o traballo comunitario de toda a vila.
A programación do día grande arrancará moi cedo coa música como fío condutor. Ás 11:15 horas os Xardíns da Xiralda acollerán o concerto da Banda de Música Reveriano Soutullo. Posteriormente, ás 12:00 horas, celebrarase a misa solemne coa súa posterior procesión, que contará de novo co acompañamento da agrupación musical.
Xa pola tarde, o foco volverá de cheo ao público familiar co inicio dos obradoiros infantís ás 17:30 horas na Praza Maior. O broche de ouro a este festivo local porase pola noite coas tradicionais verbenas. A música en directo comezará ás 21:00 horas na Praza de Bugallal da man da Orquestra Miramar, mentres que a Orquestra Capitol encargarase de pechar as celebracións a partir das 23:00 horas na Praza Maior.

