O presidente provincial, Luis Menor, lembrou que o Goberno provincial leva destinados desde o inicio do actual mandato máis de 6,6 millóns de euros á mellora e modernización de preto dunha trintena de instalacións deportivas municipais da provincia
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración do novo campo municipal de fútbol das Pombeiras, en Toén, unha infraestrutura moderna, con herba sintética e bancadas con capacidade para preto de 300 persoas.
A construción das novas instalacións supuxo un investimento superior aos 1,4 millóns de euros, financiados pola Xunta de Galicia con 700.000 euros, pola Deputación de Ourense cunha achega de 450.000 euros e polo Concello de Toén, que asumiu a cantidade restante.
Durante o acto, Luis Menor felicitou á veciñanza e ao alcalde de Toén, Ricardo González, polo seu compromiso para facer realidade este proxecto, e destacou que o novo campo “é a demostración de que, cando as institucións colaboran, multiplícanse os recursos e fanse realidade os proxectos”.
As instalacións darán servizo a catro equipos: C.D. Moreiras, Toén F.S., Atlético Trelle e Asociación Cultural Deportiva Veteranos de Toén. Ademais, permitirán poñer en marcha unha escola deportiva municipal, prevista para o primeiro cuadrimestre de 2027, e facilitarán que o alumnado do CEIP Saco e Arce poida aproveitar o campo para actividades extraescolares.
Menor lembrou que a Deputación leva destinados desde o inicio do actual mandato máis de 6,6 millóns de euros á mellora e modernización de preto dunha trintena de instalacións deportivas municipais da provincia. Desta cantidade, case 4,8 millóns corresponden á construción ou renovación de campos de fútbol en diferentes comarcas ourensás.
O acto desta tarde incluíu a celebración dun torneo cuadrangular, coa participación dos catro equipos locais, cuxos representantes recibiron un agasallo conmemorativo, así como tamén o equipo arbitral.

