A Xunta propón ao concello de Pontevedra que reconfigure o acordo para investir 3M€ na cidade e inclúa Pasarón

Redacción

Ante a petición de colaboración do Concello para apoiar a reforma do estadio de fútbol de Pasarón, o Goberno galego ofrece a posibilidade de reconfigurar o acordo polo que 2M€ estaban previstos para a posta en marcha do novo pavillón municipal de Monte Porreiro, e un millón para actuacións de saneamento

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantivo hoxe unha reunión co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na que se avanzou que proximamente se asinará o convenio para a construción do novo pavillón de Monte Porreiro, unha vez que o Concello xa completou a documentación. Este novo pavillón virá aumentar as infraestruturas deportivas da cidade.

Cómpre lembrar que no marco do compromiso adquirido o pasado marzo, a Xunta ten comprometido un investimento de 3 millóns de euros para actuacións na cidade de Pontevedra e, desa contía, tal e como decidira o Concello, 2 millóns de euros están previstos precisamente para a posta en marcha deste novo pavillón municipal de Monte Porreiro, e o millón restante para actuacións de saneamento.

Por iso, tras a petición do Concello de cofinanciar a reforma de Pasarón, o conselleiro, ante esta nova necesidade, convidou ao Concello a reconfigurer o acordo sobre o investimento de 3 millóns de euros xa comprometido e decida que contía quere asignar a Pasarón.

Por outra parte, cómpre lembrar que desde o Goberno galego se está a traballar tamén en Pontevedra de cara á construción do Centro Galego de Alto Rendemento (CAR) co obxectivo de impulsar o deporte na cidade. Trátase dun proxecto moi ambicioso, que se axilizou coa declaración de interese autonómico polo Consello da Xunta o ano pasado. Nesta liña, o conselleiro indicou que, de cara á construcción do futro CAR, manterase un encontro co Concello para abordar o detalle das disciplinas e instalacións que acollerá o futuro centro, no marco do diálogo e a coordinación que a Xunta vén mantendo tamén co tecido deportivo coa finalidade de perfilar as necesidades do complexo deportivo.

A creación deste CAR permitirá ampliar os servizos do actual Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). O obxectivo é incrementar o número de prazas que demanda o deporte galego de alto nivel, en constante crecemento, así como incorporar novas modalidades deportivas e mellorar as infraestruturas existentes, para que Galicia conte cun centro de referencia para o deporte de alta competición.

O Goberno galego apoia ademais a celebración de importantes eventos deportivos na cidade, como foi o caso da Gran final das Series Mundiais de Tríatlon Pontevedra 2026, que contou cun patrocinio autonómico de 400.000 euros e coa cesión de espazos e medios do CGTD como punto neurálxico da organización deportiva.

Comparte este artigo