As propostas aprobadas son a antesala da sinatura do convenio entre o Concello e a Xunta
Tamén saíu adiante en Pleno a solicitude de 2 millóns de euros para a rexeneración de Bandourrío
A proposta de incremento de case 10.000 horas para o SAF prosperou de maneira unánime
A Corporación municipal de Ribeira celebrou na tarde do luns 28 o Pleno ordinario correspondente ao mes de setembro de 2026 que estivo marcado por varios puntos na orde do día relativa ao proxecto da futura residencia de maiores: a incorporación da parcela cunha superficie de 20.080 metros cadrados ó inventario para albergar esta infraestrutura e a mutación demanial subxectiva desa finca, é dicir, cambiar de titularidade municipal a autonómica, sen modificar a natureza do ben que é de servizo público. O primeiro tivo o apoio unánime dos presentes, mentres que o segundo foi aprobado por 13 votos a favor (PP, PBBI e 1 non adscrito), 5 abstencións (BNG) e 2 en contra (PSdeG-PSOE e 1 non adscrito).
Durante a súa intervención, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, ratificou o compromiso do goberno municipal e autonómico “cunha infraestrutura moi necesaria para o noso municipio. Un apoio que demostramos con feitos cando, na mesma semana na que chegamos ao goberno, presentamos ante a Consellería de Política Social varias alternativas para a edificación. Finalmente, a que reúne mellores condicións para materializar o novo modelo residencial é a que se sitúa nas inmediacións do parque periurbano de San Roque de acordo ao Plan Xeral de Ordenación Municipal.” Para Sampedro isto é “unha boa mostra de que as persoas están no centro das políticas municipais que implanta este executivo local, sempre mirando polo benestar dos nosos veciños e veciñas. E con estes asuntos que hoxe tratamos en Pleno damos máis pasos cara adiante para que a nova residencia sexa unha realidade coa maior celeridade posible. Temos unha premisa moi clara: ante os problemas, solucións.”
En materia social tamén saíu adiante por unanimidade a solicitude de ampliación da bolsa de horas do Servizo de Axuda no FogarDependencia á Consellería de Política Social e Igualdade en 9.912 horas anuais dada a demanda existente no termo municipal derivada do envellecemento da poboación e do recoñecemento de novos graos de dependencia que requiren atención na súa contorna familiar.
Dende o 2023 non se incrementaba o número de horas, alfo que vai supoñer reducir a lista de agarda chegando ás 80.000 horas anuais.
Outra das cuestións a tratar foi a solicitude de acceso á liña de préstamos sen intereses a favor dos concellos de Galicia para o financiamento da achega municipal correspondente aos PAIEDIL que, no caso de Ribeira, pon o foco na rexeneración do barrio de Bandourrío; aprobado por unanimidade. Se ben inicialmente esta liña atópase dirixida a municipios con menos de 20.000 habitantes, de non esgotarse o crédito existente, ampliarase a outros termos municipais con maior poboación. De aí que a Administración local ribeirense opte por solicitar este préstamo.
Esta petición tradúcese en 2 millóns de euros que axuden a sufragar a cofinanciación dun proxecto estratéxico para o municipio ribeirense, tanto na súa dimensión urbanística como económica e social, coa vantaxe do gran aforro que supón o importe de xuros para as arcas municipais, aproximadamente, 700.000 euros.
Así mesmo, procedeuse coa aprobación da Conta Xeral do exercicio 2025, cun superávit de 152.894 euros destinados a amortización de débeda, que saíu adiante con 15 votos a favor (PP, PBBI, PSdeG-PSOE e non adscritos) e 5 abstencións (BNG). Púxose tamén sobre a mesa a revisión do prezo do contrato de iluminación pública exterior subscrito con Ferrovial Energía, S.A.U. para o 2026, co respaldo da unanimidade dos edís, segundo a cal o incremento se sitúa nos 8.400 euros anuais con relación ao anterior exercicio.
No que respecta a infraestruturas culturais, ratificouse por unanimidade o decreto de corrección de deficiencias do proxecto de reforma da casa da cultura de Carreira, enmarcado no POS+2026, que atinxía a emendar no documento técnico determinadas características do material empregado e aprobouse por unanimidade a adhesión á Rede Galega de Teatros e Auditorios que permitirá situar a Ribeira no mapa dos grandes escenarios de Galicia, optimizando o uso dos espazos culturais e garantindo o acceso da veciñanza a espectáculos profesionais de primeiro nivel.

