María Sampedro pon en valor o traballo que se realiza na Escola Oficial Náutico-Pesqueira como fórmula para a profesionalización do sector durante a visita dunha delegación de Angola

Redacción

 A alcaldesa de Ribeira puxo o foco na formación impartida en centros como este que ten ferramentas para dar resposta á necesidade de relevo xeracional

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, acompañou no día de hoxe a unha delegación procedente de Angola durante a súa visita á localidade que arrancou na Escola Oficial Náutico-Pesqueira para coñecer o modelo pesqueiro galego, con especial énfase, na pesca tradicional.

Sampedro destacou a “vital importancia que ten o mar para toda Galicia e, por suposto, para Ribeira como localidade costeira e por ser o principal porto de baixura de toda Europa.” Neste senso, a rexedora salientou a importancia que ten o medio marítimo para a economía local pola cantidade de postos de traballo que xera de maneira directa e indirecta; unha transcendencia con impacto tamén a nivel cultural, social e mesmo urbanístico.

Pero a mandataria local tamén quixo facer referencia aos retos aos que se enfronta este sector, entre eles, a falta de relevo xeracional e puxo o foco na formación impartida en centros como o xa referido como unha das fórmulas para superar ese desafío e acadar a profesionalización do sector.

A primeira edil tamén compartiu perspectivas sobre os modelos pesqueiros existentes en Galicia e Angola, máxime cando este último país conta con moita industria española vencellada ao mar. Ademais, a visita supón “un orgullo que Ribeira sexa exemplo de traballo serio e respectuoso e que dende aquí se leve a cabo esta iniciativa de transferencia de coñecemento.”

O percorrido por Ribeira continuou cunha visita á Confraría de Pescadores de Ribeira, á lonxa e ao porto.

Comparte este artigo