- A alcaldesa, Digna Rivas, salienta o valor do consenso político acadado no Pleno «para facer xustiza cunha demanda histórica e mellorar o benestar directo da veciñanza das nosas parroquias». A medida soluciona unha disfunción urbanística que se arrastra desde 1987 e achega seguridade xurídica a máis dunha vintena de familias.
O Pleno do Concello de Redondela acadou un acordo decisivo no desenvolvemento e ordenación do seu medio rural ao aprobar por unanimidade a modificación puntual das normas subsidiarias do planeamento de ámbito municipal para a delimitación dunha zona do núcleo rural de Vilar do Mato, na parroquia de Ventosela.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción polo resultado da votación no pleno deste mes e puxo en valor o compromiso do Goberno local co rural: “A aprobación por unanimidade demostra que cando situamos as necesidades reais das persoas por riba das discrepancias, o urbanismo é nunha ferramenta útil e xusta”. Esta era unha demanda histórica da parroquia de Ventosela. A probación “dá seguridade e estabilidade a máis de vinte familias que levaban case corenta anos agardando por unha solución para as súas propiedades”. A rexedora engadiu que este avance “reafirma a folla de ruta deste executivo para protexer a identidade do noso medio rural, facilitando que a mocidade poidan fixar a súa residencia nas parroquias cun marco legal claro e garantista”.
Durante o debate, o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, afirmou que alén de tratarse dun expediente técnico, a medida «fala de persoas, familias, das súas vivendas e terreos, e do seu dereito a que a Administración dea resposta a unha situación que se vén arrastrando desde hai demasiados anos». Cabaleiro explicou que as Normas Subsidiarias actuais datan de 1987, case corenta anos de antigüidade, o que xera limitacións que o goberno local está a emendar en paralelo coa tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Porén, o edil sinalou que «hai problemas concretos aos que non podemos dar as costas». A delimitación “corrixe un erro histórico”, dado que a existencia deste asentamento de Vilar do Mato está documentada desde moito antes de 1987 a través de fotografías aéreas antigas.
A resolución aprobada resolve tamén a estimación e desestimación das alegacións presentadas pola veciñanza durante o período de información pública. Dende o Concello recoñeceuse e agradeceuse o papel fundamental da plataforma de veciños e veciñas afectadas, quen impulsaron esta reivindicación sostida no tempo a través dunha moción inicial que agora culmina cunha solución definitiva e de consenso no eido municipal.
O acordo baseouse no informe urbanístico elaborado polos técnicos municipais, que conta con todos os informes técnicos, xurídicos e o Informe Ambiental Estratéxico favorable da Dirección Xeral de Calidade Ambiental. Logo desta aprobación inicial o expediente será remitido á Xunta de Galicia para a obtención da súa aprobación definitiva.

