Nidia Arévalo: “Nós queremos unha AP-9 gratuíta, pero non queremos que os galegos paguen cos seus impostos o que lle corresponde pagar ao Estado”
O Grupo Municipal do Partido Popular de Mos votou en contra da moción presentada polo BNG no pleno municipal de onte sobre a transferencia e gratuidade da AP-9 despois de que os nacionalistas non aceptasen a emenda de substitución presentada polo PP.
Os populares lembran que PP, BNG e PSOE votaron a favor da transferencia da AP-9 no Parlamento de Galicia, onde a proposición para transferir a titularidade e as competencias da autoestrada foi aprobada por unanimidade o 19 de decembro de 2023.
“Esa era a posición de Galicia. Todos estabamos de acordo. O problema veu despois, cando a proposta chegou a Madrid”, sinala o PP de Mos. Durante a súa tramitación nas Cortes Xerais, PSOE e BNG apoiaron un texto diferente do aprobado polo Parlamento de Galicia, modificando aspectos que formaban parte do acordo unánime alcanzado en Galicia.
Por iso, o PP de Mos considera que o debate non está en decidir agora se se quere ou non a transferencia, senón en que condicións se fai e quen asume as consecuencias económicas das decisións adoptadas polo Estado durante décadas.
A emenda de substitución presentada polo Partido Popular á moción do BNG defendía precisamente unha transferencia con garantías, unha AP-9 gratuíta e que as cargas económicas que corresponden ao Estado non acabasen recaendo sobre Galicia.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, lembra ademais que leva anos reclamando a eliminación das peaxes pola importancia da AP-9 para Mos e para toda a área metropolitana de Vigo. “Queremos unha AP-9 gratuíta e transferida a Galicia. O que non queremos é que se transfira tamén a factura. Se o Estado tomou as decisións durante décadas, debe asumir as consecuencias económicas que lle correspondan”.
Arévalo advirte de que Galicia non pode ser unha Galicia de segunda, na que os galegos teñan que asumir cos seus impostos unhas cargas que corresponden ao Estado.
Os populares lembran tamén que existe unha reserva de crédito de 2.300 millóns de euros entre 2021 e 2048 para financiar as bonificacións da AP-9, e consideran necesario estudar todas as alternativas para avanzar cara á eliminación definitiva das peaxes.
A alcaldesa lamenta que o BNG rexeitase a proposta alternativa do PP e despois pretenda presentar o voto popular como un voto contra a transferencia ou contra a gratuidade. “Que quede claro: o Partido Popular está a favor da transferencia da AP-9. Está a favor dunha AP-9 gratuíta. Está a favor de que a AP-9 estea ao servizo de Galicia. O que non aceptamos é que se transfira a infraestrutura e se transfira tamén a factura”.
E engade: “O BNG tivo hoxe a oportunidade de apoiar unha proposta que reclamaba unha AP-9 para Galicia, libre de peaxes e sen cargas económicas indebidas. Non quixo facelo. Preferiu manter a súa moción e despois intentar presentar o voto do PP como un voto contra a gratuidade. Iso é simplemente falso”.
Finalmente, a alcaldesa de Mos asegura que o Partido Popular “vai seguir defendendo unha AP-9 gratuíta e unha transferencia con tódalas garantías”. “Para Mos, para a área metropolitana e para o conxunto de Galicia, a AP-9 é unha infraestrutura esencial. Por iso imos seguir reclamando que sexa gratuíta e que estea ao servizo dos galegos, pero tamén que a súa transferencia se faga con todas as garantías e sen que iso supoña máis impostos nin máis custos para a veciñanza”.

