- O líder do PP denuncia que a elevada carga fiscal de Pontevedra non se corresponde coa calidade dos servizos que reciben os veciños
- O candidato á Alcaldía reclama que parte do superávit municipal reverta directamente nos petos dos pontevedreses
O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, reclamou unha redución do 10 por cento do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) para aliviar a presión fiscal que soportan cada ano as familias pontevedresas.
Domínguez considera que Pontevedra mantén unha presión fiscal elevada, especialmente no caso do IBI, que se cobrará nos vindeiros días, e defende que o Concello debe adoptar medidas para que unha parte dos recursos municipais revertan directamente nos cidadáns.
O líder dos populares na cidade asegurou que aplicar unha rebaixa dos impostos municipais, especialmente do IBI, é perfectamente asumible sen poñer en risco as contas do Concello. “Se o Concello ten superávit e presume de ter decenas de millóns no banco, cremos que é o momento de que ese diñeiro tamén se note na economía dos cidadáns”, afirmou.
Neste sentido, vinculou a reclamación dunha rebaixa fiscal coa calidade dos servizos municipais na actualidade. O dirixente do PP denunciou que “as carencias non se limitan ao centro da cidade, senón que tamén afectan de forma máis aguda aos barrios e ás parroquias”.
“Os servizos que recibimos os pontevedreses son moi deficitarios”, afirma o portavoz popular, que considera que a cidadanía non debería asumir unha carga fiscal tan elevada cando, como leva anos denunciando o PP, persisten deficiencias na prestación dos servizos públicos.
O PP de Pontevedra defende así que a redución do 10% do IBI sexa un primeiro paso dentro dunha revisión máis ampla da fiscalidade municipal, con rebaixas tamén noutros impostos municipais.
En definitiva, Domínguez insistiu en que o obxectivo debe ser que “os pontevedreses dispoñan de máis recursos nos seus petos e que a política fiscal do Concello sexa coherente coa prestación dos servizos”, concluíu.

