O obxectivo é recuperar o funcionamento do muíño e acondicionar o inmoble para o uso público dun inmoble situado no Camiño de Santiago
O Concello de Mos inviste 20.000 euros de fondos propios na rehabilitación do Muíño do Cepo, situado na parroquia de Mos e integrado no trazado do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio.
A actuación permitirá recuperar este elemento do patrimonio etnográfico local e poñer novamente en funcionamento o muíño, co obxectivo de que poida ser visitado e utilizado como recurso de interese para a veciñanza e para as persoas que percorren a diario o Camiño de Santiago.
O inmoble foi cedido ao Concello de Mos no ano 2017 polo seu propietario, José Antonio Blanco, recentemente falecido. Desde entón, o Concello traballa na recuperación deste espazo e facilitar a súa conservación.
Entre as actuacións previstas atópase a rehabilitación do propio muíño e a recuperación dos elementos necesarios para que poida volver funcionar, permitindo aos visitantes coñecer de primeira man o funcionamento tradicional destas instalacións vinculadas ao aproveitamento da auga e á actividade agrícola.
A localización do Muíño do Cepo, en pleno Camiño de Santiago, permitirá ademais ofrecer aos peregrinos un novo punto de interese durante o seu paso por Mos. A intervención busca así recuperar o valor patrimonial do inmoble e darlle un novo uso público, mantendo a súa vinculación coa historia e coa tradición da parroquia.

