- O encontro, organizado polo Concello da Estrada baixo a dirección artística de Paula Quintas, reúne propostas de danza contemporánea e artes do movemento, con espectáculos para todos os públicos e actividades participativas
- A programación inclúe as estreas de‘Trés bien’, de Marta Alonso Tejada, e ‘BenQuerer’, de Fran Sieira, quen estará acompañado pola música en directo de Caamaño & Ameixeiras
- A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora coa organización desta cita, que contará tamén coas propostas de Furia Sotelo e da compañía navarro-galega Disiden.cia
A Xunta de Galicia colabora un ano máis coa celebración do festival de danza contemporánea e artes do movemento 6coreógrafas, que presentou hoxe na Estrada a programación da súa sexta edición, prevista para o vindeiro 10 de outubro. O encontro, organizado polo Concello estradense baixo a dirección artística da bailarina e coreógrafa Paula Quintas, volverá achegarlle a creación coreográfica á cidadanía cun programa que combina espectáculos en diferentes espazos da vila, estreas e actividades participativas dirixidas a públicos de diferentes idades.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación desta nova entrega, onde destacou o papel do festival como “un escaparate para o talento das creadoras e compañías galegas, que contribúe a dar visibilidade á danza contemporánea e a reforzar o noso tecido escénico”. Neste sentido, salientou tamén “a importancia de levar a creación artística a diferentes espazos da vila, favorecendo o encontro coa cidadanía e achegando a danza a novos públicos”.
Dúas estreas, danza e música en directo
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio.
A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Ademais dos espectáculos, o festival ofrecerá unha programación de mañá cunha clase maxistral aberta a todos os públicos e unha sesión vermú especial, reforzando o seu carácter participativo e interxeracional e o obxectivo de achegar a danza contemporánea á cidadanía.

