AEMOS organiza a I Carreira Solidaria ACTIVAEMOS, un proxecto que une deporte, empresa e compromiso social

Redacción

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destaca a implicación do tecido empresarial e das institucións nunha carreira que se celebrará o 11 de outubro no Parque Empresarial de Mos para poñer en valor o papel do emprego como ferramenta de recuperación e autonomía para as mulleres vítimas de violencia de xénero

A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) presentou esta mañá a I Carreira Solidaria ACTIVAEMOS contra a Violencia de Xénero, unha iniciativa que se celebrará o vindeiro 11 de outubro no Parque Empresarial de Mos e que nace como culminación de dez anos de traballo da asociación a prol da formación, o acompañamento e a inserción laboral de mulleres en situación de vulnerabilidade.

O acto reuniu representantes institucionais, empresas patrocinadoras e colaboradoras e mulleres participantes no programa ACTIVA 10, algunhas das cales se implicaron directamente na organización da carreira. A súa presenza permitiu poñer rostro ao traballo desenvolvido durante esta década, na que máis de 300 mulleres participaron en programas de orientación, formación e inserción laboral impulsados por AEMOS.

Na presentación interviñeron o presidente de AEMOS, Manuel Castro; o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, Roberto Barba; a deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Paula Bouzós; e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que puxeron en valor a importancia da colaboración entre administracións, tecido empresarial e entidades sociais para xerar oportunidades e avanzar na loita contra a violencia de xénero.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “para Mos é unha satisfacción acoller esta iniciativa, que une o compromiso das nosas empresas cunha causa social que nos afecta a todos e a todas. Debemos seguir traballando para que as mulleres vítimas de violencia de xénero teñan oportunidades e poidan recuperar a súa autonomía e construír unha nova vida”.

Manuel Castro destacou especialmente o carácter colectivo da iniciativa e quixo agradecer o apoio das institucións e das máis de vinte empresas patrocinadoras e colaboradoras que fixeron posible a carreira. “Cando as institucións, as organizacións sociais e o tecido empresarial traballan de forma coordinada, somos capaces de transformar unha idea nunha acción con impacto real sobre as persoas”, sinalou.

O presidente de AEMOS lembrou ademais que “detrás de cada incorporación laboral hai moito máis ca un contrato”, porque o emprego pode contribuír a recuperar a autoestima, a estabilidade e a capacidade de volver construír un proxecto de vida propio. Neste sentido, subliñou o papel protagonista das mulleres que participaron en ACTIVA 10 e que, nesta ocasión, deron un paso máis implicándose activamente na organización do evento.

A carreira representa así unha nova expresión do compromiso de AEMOS coa inclusión e co papel das empresas como axentes de transformación social. “As empresas somos motor económico, pero tamén podemos e debemos ser motor de transformación social”, afirmou Castro, defendendo a necesidade de seguir tendendo pontes entre as persoas e o emprego.

A I Carreira Solidaria ACTIVAEMOS, de 4,4 quilómetros, celebrarase o domingo 11 de outubro ás 10:30 horas no Parque Empresarial de Mos. O excedente obtido coas inscricións será destinado a EVD Galicia, entidade que traballa con mulleres con discapacidade intelectual e en situación de vulnerabilidade, promovendo a súa autonomía, inclusión e calidade de vida.

Con esta iniciativa, AEMOS quere converter a carreira nun punto de encontro entre empresas, institucións e cidadanía e dar continuidade a unha década de traballo: “Cada oportunidade que ofrecemos recupera unha vida. E cada vida recuperada convértenos nunha sociedade mellor”, concluíu Manuel Castro.

DATOS DO EVENTO

📅 Domingo, 11 de outubro de 2026

📍 Parque Empresarial de Mos (PEMOS)

🏃 4,4 quilómetros

🕥 Saída: 10:30 horas

👥 Participación prevista: 200 persoas

Inscricións: https://carreirasgalegas.com

Comparte este artigo