A celebración terá lugar os días 17 e 18 de outubro no Pazo de Mos, con gastronomía, música, artesanía e actividades para todos os públicos
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, participou na XXVI edición da Festa do Codillo, que se celebrará os próximos 17 e 18 de outubro no Pazo de Mos. A Rondalla Santa Eulalia de Mos será a encargada de ofrecer o pregón desta edición, o domingo 18 de outubro ás 12.00 horas.
A programación combina gastronomía, tradición e actividades culturais e musicais ao longo de todo o fin de semana. O sábado 17, a partir das 20.00 horas, terá lugar o Magosto Popular, con castañas, viño e queimada, así como o XXI Concurso de Serra de Troncos, que contará con tronzador de man e premios para os participantes.
A partir das 22.00 horas será a quenda da música con Nacional 81, banda viguesa especializada no rock español das décadas dos 80 e 90.
O domingo 18 comezará ás 11.00 horas coa tradicional degustación do codillo, acompañada da actuación da Charanga Noroeste. Ás 12.00 horas terá lugar o pregón da Rondalla Santa Eulalia de Mos, agrupación vinculada á vida cultural do municipio.
A programación continuará ás 12.30 horas coa actuación de Airiños do Castelo, banda de gaitas do C.C.D. Santa Eulalia de Mos. Durante a xornada tamén se desenvolverá o XXI Mercado de Artesanía e, a partir das 16.00 horas, terá lugar o sorteo de premios.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou durante a presentación que “a Festa do Codillo é unha cita que forma parte do calendario festivo de Mos e que cada ano reúne a veciños e visitantes arredor da nosa gastronomía e das nosas tradicións”.
Arévalo puxo tamén o foco na elección da Rondalla Santa Eulalia de Mos como pregoeira: “Queremos que o pregón estea protagonizado por persoas e colectivos que forman parte da vida de Mos. A rondalla leva anos contribuíndo á actividade cultural do municipio e consideramos que é unha moi boa elección para dar inicio á xornada do domingo”.
A rexedora municipal animou “a veciñanza de Mos e ás persoas que nos visitan desde outros concellos a achegarse durante esta fin de semana, participar nas actividades e desfrutar do codillo, da música, da artesanía e do ambiente da festa”.
A XXVI Festa do Codillo está organizada polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, coa colaboración do Concello de Mos, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, Gadis e Froiz.

