O certame realizarase baixo a supervisión do Colexio de Arquitectos de Galicia, que realizará as bases. Paralelamente, o goberno local consignará no vindeiro pleno medio millón de euros para a reforma
O obxectivo é gañar un lugar municipal onde mocidade, infancia e maiores teñan espazos propios e de convivencia común, con actividades dirixidas ou espontáneas
“Queremos ofrecer un enfoque integral e innovador que trascenda ás propias necesidades de conciliación, por iso o edificio debe ter un deseño destinado a crear comunidade, identidade e apoio mutuo”, destaca o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán ven de encargar ao Colexio de Arquitecto de Galicia (COAG) a convocatoria dun concurso de ideas para transformar o vello centro de saúde de Panxón nun centro interxeracional pioneiro en Galicia. Baixo esta premisa, o alcalde e responsables técnicos (tanto do Concello como do COAG) mantiveron esta semana un encontro de cara a definir este futuro uso nas propias bases do certame. Tal e como subliñou o rexedor, o obxectivo é gañar un lugar municipal onde mocidade, infancia e maiores teñan espazos propios e de convivencia común, con actividades dirixidas ou espontáneas.
“Queremos ofrecer un enfoque integral e innovador que trascenda ás propias necesidades de conciliación que a veciñanza demanda, por iso o edificio debe ter un deseño destinado a crear comunidade, identidade e apoio mutuo. Trátase de materializar físicamente nun edificio a nosa premisa de ‘Un Nigrán para todos'”, destaca o alcalde, Juan González, quen confía novamente para este asunto na experiencia do COAG (como foi o caso do concurso de proxectos para a construción dun pavillón inclusivo en Porto do Molle, resultando gañador o estudio vallisoletano Baile&Menduíña e pendente de licitarse as obras). “Buscamos eliminar a separación física e social entre xeracións, combater a soidade non desexada, reducir o illamento das persoas maiores e fomentar o seu benestar emocional e intercambio mutuo unindo a experiencia dos maiores coa alegría e curiosidade dos máis novos”, finaliza.
Adicionalmente, e namentras se convoca o certame, o goberno local consignará no vindeiro pleno do martes 6 de outubro un total de 500.000 € para a materialización desta reforma integral (cantidade que cuantificaron no seu momento os técnicos municipais). “Non presenta problemas estruturais nin humidades, polo que económicamente esta cesión resulta moi rendable para o Concello de Nigrán”, destaca o rexedor. O Centro de Saúde de Panxón dispón de 514 m2 (344 m2 en planta baixa, 150 m2 no primeiro andar e 20 m2 no soto) nunha parcela de 310 m2 situado no barrio de Area Alta, a escasos metros de Praia América-Panxón e nunha paraxe icónica para Nigrán, polo que a reforma tamén debe embelecer e harmonizar a fachada da edificación.
O Concello acadou en xaneiro deste ano a cesión a 50 anos renovables tras 7 anos de intensas negociacións e burocracia interna co ‘Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións’, a quen pertencía o inmoble. “Gañamos para o uso social da veciñanza un edificio que esmorecía e que está situado nun lugar estratéxico”, resume o alcalde, quen incide en que “os usos poden variar sempre que sexan de índole social”. De feito, o Concello descarta a idea inicial de trasladar ata ali a Protección Civil porque estes van a gañar gran parte do espazo do Centro Antena, onde teñen a súa sede (rúa Otero Pedrayo). “Alí hai servizos públicos, como o de informática e acceso a internet, que, lóxicamente, se trasladarán ao novo Centro Interxeracional, polo que todos os metros cadrados desas aulas as gañará Protección Civil”, razoa.
A escasos metros deste vello ambulatorio está outra infraestrutura que vivíu unha situación similar, o faro de Canido (Nigrán), que loce renovado desde hai case 3 anos e é actualmente sede da Escola Municipal de Pintura. Este foi rehabilitado con 232.730,25 € de fondos europeos Next Generation tras estar en situación de abandono durante anos ao quedar atascado nun limbo urbanístico que se resolveu coa modificación das normas subsidiarias no ano 2020.
“Esta contorna gañou en pouco tempo dous edificios públicos destinados a mellorar a calidade de vida dos cidadáns e a propia imaxe da zona”, resume o alcalde.

