Rafa Domínguez esixe a Lores unha solución inmediata para que os nenos do CEIP Santo André de Xeve teñan auga potable

Redacción
  • O líder do PP denuncia que os alumnos levan máis dun ano tendo que beber auga de garrafas pola falta de vontade política do goberno de Lores
  • “Non queremos máis escusas, máis promesas nin máis evasivas para alongar este problema. Queremos unha solución xa”, afirmou

 O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, esixiu ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, unha solución inmediata ante a falta de auga potable no CEIP Santo André de Xeve, despois de manter unha reunión con membros da nova directiva do ANPA do centro.

Domínguez que estivo acompañado na reunión polo concelleiro Martín Martínez, lembrou que o Partido Popular xa visitara xunto ó concelleiro Martín Martínez o colexio fai máis dun ano, cando xa existía este problema, e que entón se trasladaba que o Concello ía darlle unha solución. “Pasou máis dun ano e os nenos seguen sen poder beber auga das billas do colexio. Teñen que beber de garrafas enormes e, durante todo este tempo, non se solucionou absolutamente nada”, denunciou o número un dos populares.

O portavoz municipal cualificou a sitación de “inadmisible”, especialmente tendo en conta que moitos dos alumnos son nenos de pouca idade e poden beber da billa sen ser conscientes de que esa auga non está en condicións para o seu consumo.

“Non estamos a falar dunha avaría puntual que tarda uns días ou unhas semanas en resolverse. Estamos a falar de máis dun ano cun colexio sen auga potable. É algo que non se pode entender”, sinalou.

Desde o PP denuncian ademáis que durante este tempo trasladouse en distintas ocasións que a solución estaba próxima, pero os meses seguiron pasando sen que se resolvese o problema. “Non queremos máis enganos, máis escusas nin máis evasivas para quitarse este asunto de enriba. Durante un tempo estívoselles dicindo que a solución estaba practicamente aí e a realidade é que, máis dun ano despois, os nenos seguen exactamente igual”, afirmou Domínguez.

Para os populares, garantir auga potable nun centro educativo é “o mínimo que se lle pode esixir a calquera Concello”.

 “¿Que fixo Lores durante todo este ano? Porque a realidade é que os nenos seguen tendo que beber de garrafas. É unha absoluta vergoña e unha situación que non pode continuar nin un día máis”, afirmou.

Por todo iso, o Partido Popular reclama ao Gobierno local do BNG de Lores que execute de xeito inmediato as actuacións precisas para garantir a subministración de auga potable no CEIP Santo André de Xeve.

“O único que pedimos é algo tan básico como que os nenos poidan abrir unha billa no seu colexio e beber auga con total seguridade. Non queremos máis promesas. Queremos unha solución inmediata”, concluíu Domínguez.

Comparte este artigo