Nidia Arévalo acompaña ao presidente da Deputación na entrega a Cogami da primeira furgoneta das axudas provinciais Impulsa Benestar

Redacción

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañou ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, na entrega aos responsables de Cogami, en Mos, do primeiro vehículo concedido a entidades de Benestar Social ao abeiro do novidoso programa Impulsa benestar posto en marcha este ano polo goberno provincial para poñer a disposición de colectivos deste eido da provincia 1,1M€ para facilitar a adquisición de vehículos ou a realización de obras nos seus centros.

Acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a deputada de Benstar Social, Paula Bouzós; o presidente de Cogami, Anxo Queiruga; e traballadores desta entidade; o mandatario provincial reafirmou o compromiso da Deputación cos colectivos e coas políticas de Benestar Social cun investimento neste mandato superior aos 27M€. “Para que esta provincia siga sendo unha referencia na atención a todas as persoas, vivan onde vivan e sexa cal sexa a súa condición, cómpre que haxa colaboración e compromiso por parte de todos”, afirmou López despois de percorrer as instalacións que Cogami ten en Mos.

A primeira convocatoria do programa Impulsa Benestar, dotado con 1,1 millóns de euros, ten por obxectivo facilitar ás entidades de benestar social da provincia a adquisición de vehículos ou a execución de obras. O proxecto está dividido en dúas liñas: a de obras está dotada con 600.000 euros, mentres que a de adquisición de vehículos conta con 500.000 euros.

O motivo desta visita ao centro de Cogami en Mos foi o de facer entrega da primeira das 33 furgonetas que se repartirán entre colectivos de toda a provincia ao abeiro deste plan. No caso de Cogami, reciben unha subvención de 7.500 euros para a adquisición dun vehículo que facilitará a mobilidade dos usuarios deste centro de Mos. “Hoxe facémosvos entrega da primeira furgoneta para que sigades impulsando benestar por toda a provincia”, declarou o presidente, despois de poñer en valor os 35 anos de traxectoria de Cogami como referencia en Galicia na integración de persoas con discapacidade e que conta co apoio da Deputación a través de distintas liñas de colaboración para o desenvolvemento dos seus proxectos de fomento do emprego e inclusión.

Pola súa banda, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou a importancia de que as administracións públicas traballen da man para facilitar os recursos que necesitan as entidades sociais. “Para Mos é unha satisfacción poder acompañar a Cogami neste momento e ver como esta nova furgoneta vai facilitar os desprazamentos e a atención ás persoas usuarias. Desde o Concello de Mos seguiremos apoiando e colaborando coas entidades que traballan cada día pola inclusión e polo benestar das persoas”, sinalou.

A aposta da Deputación polo fomento do benestar social na provincia non se limita a este proxecto de cooperación novidoso coas entidades do sector. A través da colaboración cos concellos para a prestación de servizos sociais e de axuda no fogar, a Deputación ten mobilizados neste mandato 24 millóns de euros. Unha cantidade á que hai que engadir os máis de 2,6M€ en axudas aos colectivos deste eido e a posta en marcha de programas que favorecen a integración social como +Convivencia, Provincia +Inclusiva ou +Xuntas, entre outros.

Comparte este artigo