Máis de 1.000 persoas participaron o sábado na xuntanza do Partido Popular de Mos no parque de A Pesqueira, nun encontro de convivencia que reuniu a afiliados e simpatizantes e no que a formación local compartiu o balance do traballo realizado e os retos dos próximos meses.
A presidenta do PP de Mos, Nidia Arévalo, estivo acompañada polo secretario xeral da formación local, Camilo Augusto, e por representantes do partido e das distintas administracións. Entre eles estiveron o presidente provincial do partido en Pontevedra, Luis López; o senador pola provincia de Pontevedra José Crespo; a secretaria xeral do PP en Pontevedra, Luisa Piñeiro; ou o portavoz do PP no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, entre outros.
Na súa intervención, Nidia Arévalo fixo referencia aos máis de vinte anos de traballo político en Mos e á evolución experimentada polo municipio durante este tempo. Servizos, infraestruturas, actividade económica e oportunidades foron algúns dos ámbitos aos que se referiu, aínda que advertiu de que «queda moito por facer».
A presidenta local defendeu unha forma de entender a política municipal baseada na proximidade e na capacidade para escoitar. Entre as cuestións que situou como prioridades para os próximos anos están a mellora dos servizos públicos e das infraestruturas, as oportunidades para a mocidade e o apoio ao comercio e á actividade económica. Retos que afronta con ilusión renovada de cara as próximas eleccións municipais, onde loitará por acadar a súa quinta mayoría absoluta no Concello de Mos.
A presidenta do PP de Mos asegurou que a organización local está preparada para afrontar os retos que ten por diante. Neste contexto, expresou o seu compromiso para traballar «para levar a Alberto Núñez Feijóo á Moncloa».
Arévalo agradeceu a participación ao máis dun milleiro de persoas que se achegaron ata o parque da A Pesqueira e o traballo das persoas que colaboraron na organización da xornada. «Temos un equipo, temos proxecto e temos ganas e para nós Mos é o primeiro», afirmou a presidenta local, que pechou o seu discurso cunha mensaxe clara sobre o futuro: «O que fixemos ata aquí fala de nós. O que fagamos a partir de agora falará do Mos que queremos construír».

