O Concello de Mos pon en marcha a segunda edición dos Orzamentos Participativos «Mos Decide 2027»

Redacción

A veciñanza maior de 16 anos poderá decidir o destino de 200.000 euros do orzamento municipal a través das súas propostas e votos

O Concello de Mos pon hoxe en marcha a segunda edición dos Orzamentos Participativos «Mos Decide 2027», unha iniciativa coa que a veciñanza poderá propoñer e escoller actuacións para o municipio, cunha partida de 200.000 euros reservada para os proxectos que resulten gañadores.

A presentación de propostas comezará mañá, martes 6 de outubro, e permanecerá aberta ata o martes 20 de outubro. Durante este período, as persoas interesadas poderán presentar as súas iniciativas a través da web municipal ou presencialmente na Casa do Concello, na Piscina municipal, no Centro de Desenvolvemento Local e na Biblioteca municipal.

Poden participar todas as persoas maiores de 16 anos empadroadas en Mos, sempre que acepten o uso dos seus datos persoais nos termos establecidos no proceso. Cada participante poderá presentar unha única proposta; se unha mesma persoa presenta varias, todas serán descartadas.

As propostas deberán estar relacionadas con algunha das áreas establecidas nas bases: obras e equipamento, medio ambiente, deportes, parques e xardíns, educación, política social e benestar, cultura e xuventude. Ademais, deberán ser actuacións concretas, legalmente posibles, de competencia municipal, de interese xeral e tecnicamente viables, cun custo inferior aos 200.000 euros e sen comprometer gastos de exercicios posteriores.

Quedan fóra do proceso, entre outras cuestións, a contratación de persoal, os arrendamentos de inmobles, as subvencións, bolsas ou axudas económicas, as decisións relativas a impostos e taxas, así como actuacións de mantemento, conservación ou limpeza de parques, edificios, vehículos ou mobiliario.

Como presentar unha proposta

Para participar será necesario cubrir o formulario habilitado polo Concello, no que se deberán indicar os datos da persoa participante, o nome ou título da proposta, unha breve descrición da actuación e o consentimento para o uso dos datos persoais.

As propostas poderán presentarse na web municipal, en mos.es, ou presencialmente nos catro puntos habilitados: Casa do Concello, Piscina municipal, Axencia de Colocación e Biblioteca municipal. No caso da presentación presencial, o formulario deberá depositarse na urna correspondente.

Unha vez rematado o prazo de presentación, do 21 ao 29 de outubro, o persoal técnico municipal analizará e validará as propostas para comprobar que cumpren os requisitos establecidos nas bases.

A continuación, entre o 30 de outubro e o 6 de novembro, publicarase a relación de propostas admitidas, xunto coa súa descrición, o orzamento estimado e, cando corresponda, o lugar no que se desenvolvería a actuación. Nesa fase, cada persoa maior de 16 anos empadroada en Mos poderá votar ata tres propostas, tanto a través da web municipal como nos puntos presenciais habilitados.

O sábado 7 de novembro terá lugar a presentación das propostas gañadoras. Serán seleccionadas as que obteñan o maior número de apoios ata completar a partida de 200.000 euros. Se a proposta máis votada non esgota o orzamento dispoñible, o importe restante poderá destinarse ás seguintes propostas por orde de votación, sempre que sexa posible e viable técnica e economicamente.

Os proxectos seleccionados incorporaranse posteriormente aos Orzamentos municipais de 2027, iniciándose o proceso de avaliación, planificación e seguimento das actuacións.

Con esta segunda edición, o Concello de Mos dá continuidade á iniciativa posta en marcha en 2026 e abre novamente á veciñanza a decisión sobre unha parte dos recursos municipais. As bases definen «Mos Decide 2027» como un proceso aberto no que os veciños e veciñas poden propoñer, debater e decidir directamente sobre o destino dunha parte dos recursos municipais.

Nesta segunda edición, o Concello de Mos quixo dar un paso previo para ampliar a participación da veciñanza e das entidades locais. Por este motivo, durante o mes de setembro mantivo reunións sectoriais con colectivos e asociacións do municipio, co obxectivo de incorporar a diferentes sectores do tecido asociativo, social e económico de Mos na configuración dos espazos de participación de «Mos Decide 2027».

Comparte este artigo