Mil alumnos e alumnas asistirán ás cinco funcións escolares no Teatro Municipal de Tui

Redacción

Teatro O Cubo, Xavi Bufa e Teatro Ghazafelhos serán os encargados dos espectáculos previstos

Achegar ao alumnado dos centros educativos tudenses ás artes escénicas é o obxectivo da programación que se vai desenvolver nas próximas semanas no Teatro Municipal de Tui por terceiro ano consecutivo.

Os espectáculos previstos chegan a través do programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra, e o Concello contratou dúas funcións máis dos dous primeiros eventos para facilitar que o alumnado poida sentar nas butacas máis próximas ao escenario polo tipo de proposta escénica e tendo en conta a idade do público ao que vai dirixido. O Concello de Tui contrata o servizo de autobuses para facilitar o  desprazamentos dos escolares dende os seus centros educativos até o Teatro Municipal.

A primeira función terá lugar mañá martes, 6 de outubro, dirixida ao alumnado de Educación Infantil, de 3 a 5 anos. Será a representación de “Voo” por parte de Teatro O Cubo. Haberá dobre función. A primeira, ás 10 h asistirán 145 alumnos e alumnas e 26 docentes do CRA Mestra Clara Torres, e dos CEIP de Guillarei, Rebordáns, Caldelas, e Pazos de Reis.  Á segunda función, prevista para ás 11.30 h, contará con 127 escolares e 16 docentes dos CEIP nº1 e nº2.

O próximo martes, 13 de outubro, haberá tamén dobre función, ás 10 e ás 12 h, de “Tubos do Mundo” da man de Xavi Bufa, dirixida a 1º e 2º de Educación Primaria.  Á primeira funcións asistirán 125 alumnos e alumnas e 16 docentes dos CEIP de Guillarei, Rebordáns, Randufe, Caldelas e Pazos de Reis, e á segunda 149 alumnos e alumnas e 16 docentes dos CIP nº1 e nº2 e do Colexio Maristas.

A terceira proposta será “Ninja” de Teatro Ghazafelhos que chegará ao teatro tudenses o martes 20 de outubro nunha única función ás 11 h.  319 alumnos e alumnas de 3º e 4º de Primaria e 29 docentes dos CEIP de Guillarei, Rebordáns, Randufe, Caldelas, Pazos de Reis, nº2, e nº1 e Colexio Maristas asistirán a esta función. 

A concelleira de Cultura, Ensino e Mocidade, Sonsoles Vicente, sinala que “queremos achegar ás artes escénicas ao alumnado dos centros educativos tudenses, brindándolles a posibilidades de coñecer o Teatro Municipal, e de gozar dos espectáculos previstos xunto aos seus compañeiros e compañeiras”.

Comparte este artigo